“Memoria Celeste” é un proxecto da Fundación Breogán que nace coa vontade de preservar e celebrar a historia viva do Club Baloncesto Breogán a través das voces das súas lendas. Xogadores, adestradores e figuras clave que deixaron pegada no Pazo dos Deportes e nos corazóns da nosa afección.

Trátase de crear un espazo emocional, documental e divulgativo onde lembrar, recoñecer e compartir as experiencias das persoas que construíron o club desde dentro. Historias humanas de superación, compromiso, amizade e identidade celeste, contadas en primeira persoa.

 

"Memoria Celeste" é unha homenaxe viva, un arquivo sentimental e audiovisual onde o pasado cobra nova vida, onde os valores do deporte se conectan co presente e co futuro.

Unha ponte entre xeracións, que conserva o legado e fai comunidade.
Este proxecto pretende tamén ser un instrumento educativo e social, achegando referentes locais á mocidade e fortalecendo o sentido de pertenza á familia celeste. Porque quen coñece a súa historia, xamais esquecerá quen é.
As lendas Antonio Seral e Paco Basanta inauguran o proxecto Memoria Celeste no HULA.
Hoxe a emoción tráenos recordos poderosos e persoas imprescindibles para entender o que somos. Antonio Seral e Paco Basanta non só pertencen á historia do Breogán… son parte viva dela.
Antonio Seral, nado en Zaragoza en 1949, xogador nos anos 70 co Breogán e con outros clubs galegos, sobrevivente daquel tráxico accidente de Nadal de 1970 que lle custou a vida a Manuel Merino e o deixou a el gravemente ferido, converteuse despois en directivo, secretario técnico e xerente do club. Co seu carácter sereno e o seu amor por este deporte, foi unha peza clave nos primeiros ascensos, na Copa Korac e en tantas páxinas douradas do breoganismo.
Paco Basanta, pola súa parte, foi xogador nos anos 80, base de entrega e compromiso, defensor incansable do celeste en tempos difíciles. Despois de colgar as botas, seguiu ligado ao Breogán como xornalista e cronista, converténdose na memoria escrita do club: a voz que, dende as páxinas de El Progreso, ten narrado con emoción cada logro, cada anécdota e cada latexar da afección lucense.
A súa presenza nesta visita á Aula Pediátrica do HULA, enmarcada dentro do proxecto Experiencia Breogán, simboliza o que queremos seguir facendo: integrar ás nosas lendas nas actividades e proxectos sociais da Fundación Breogán, para que a súa experiencia e valores sigan inspirando ás novas xeracións.
Porque escoitar a Antonio Seral é entender o que custou cada ascenso, cada soño.
E ter preto a Paco Basanta é deixar que a palabra se convirta en emoción, para que o pasado siga a latexar no presente.
💙 Grazas, Antonio. Grazas, Paco.
MEMORIA CELESTEAs nosas lendas, a nosa historia.
Memoria Celeste – Bourio e Pirulo en Pazo Aberto
Hoxe recibimos no Pazo dos Deportes a dúas lendas do breoganismo: Manuel Fernández Rey “Pirulo” e Miguel Moure Bourio.
Miguel Moure Bourio, un dos fundadores do CB Breogán xunto cos irmáns Varela-Portas, formou parte do equipo histórico que logrou o primeiro ascenso á Primeira División Nacional, un fito que marcou o inicio da historia grande do club.
Daquela formación tamén formaba parte Manuel Fernández Rey “Pirulo”, lucense de nacemento e de corazón, protagonista daquel ascenso de 1970, no que o Breogán se proclamou campión do Grupo A de Segunda División antes de disputar a final fronte ao Manresa. Pirulo, ademais, foi tamén adestrador, deixando a súa pegada dentro e fóra da pista.
Hoxe, no Pazo, tamén estivo presente Tito Díaz, outra lenda que, como non podía ser doutro xeito, terá proximamente o seu espazo en Memoria Celeste.
Os nenos e nenas de 5º de Primaria do CPI Dr. López Suárez de Friol, participantes no proxecto Pazo Aberto da Fundación Breogán e Proxecto de Bana, non poderían ter hoxe mellores guías nin exemplos no seu percorrido polo Pazo.
Suso e Roca, dous nomes gravados na historia celeste.
Nesta nova parada de Memoria Celeste, vivimos outra xornada especial dentro da Experiencia Breogán, da man de tres protagonistas que forman parte da nosa historia: Xavi Roca, Suso Fernández e Antonio Seral, que nos acompañou novamente nesta emocionante viaxe pola memoria breoganista.
XAVI ROCA
Base de carácter e talento, debutou na ACB co Breogán na tempada 89-90 e disputou 72 partidos na máxima categoría, todos en Lugo, cun promedio de 5,6 puntos en 19 minutos. A súa carreira estivo condicionada por graves problemas de xeonllo que o levaron a retirarse antes dos 30, algo que lle “fastidiou moito”.

O baloncesto trouxoo a Galicia… e Galicia quedou con el: en Lugo formou a súa vida e o seu fogar, demostrando unha vez máis a forza dos lazos que crea o breoganismo.
 SUSO FERNÁNDEZ
Lucense de nacemento, Suso foi un escolta moi querido no baloncesto galego, un xogador valente e carismático. Vestiu a camiseta celeste durante tres tempadas en ACB, con 55 partidos e unha media de 5,6 puntos en 18 minutos.

Formou parte da histórica aventura europea da Copa Korac 1985-86, que lembra con cariño: “éramos un club recentemente ascendido, pero competimos relaxados, sen presión; iamos gozar”.

Sempre sincero, lamenta que “o deporte perdeu romanticismo” fronte a aqueles tempos nos que todo se vivía cunha ilusión distinta.
💙 Dúas lendas máis que seguen alimentando a nosa memoria colectiva.
MEMORIA CELESTEAs nosas lendas, a nosa historia.
Memoria Celeste – Tomás Jiménez e Juan Corral en Pazo Aberto
Os nenos e nenas do CEIP Luis Pimentel tiveron a sorte de visitar o Pazo dos Deportes, acompañados por dúas figuras que forman parte da memoria do CB Breogán: Tomás Jiménez e Juan Corral.
TOMÁS JIMÉNEZ
Xogou como pívot entre 1982 e 1985, chegando a disputar minutos coa primeira plantilla na ACB. Tras retirarse, combinou a súa carreira como avogado coa dirección e adestramento de equipos de base, mantendo viva a súa vinculación co baloncesto lucense.
JUAN CORRAL
Desenvolveu a súa traxectoria nas categorías de formación do Breogán. Deixou de xogar aos 18 anos, pero dedicouse á formación e ao adestramento, contribuíndo ao desenvolvemento da canteira local e á perpetuación da tradición baloncestística en Lugo.  Para el, apoiar ao club é un hábito familiar e un xeito de manter viva a tradición do baloncesto en Lugo.
Continuamos integrando e poñendo en valor a persoas tan relevantes na historia do club e no sentimento breoganista, lembrando que o legado do Breogán constrúese tanto dentro como fóra das pistas.