AO COMPÁS

Danza, música e inclusión
AO COMPÁS é un proxecto da Fundación Breogán patrocinado por ALBIA Funeraria Fernández que emprega a música e a danza como ferramentas de inclusión, desenvolvemento persoal e participación social.
Ao longo da tempada 2026/27, as persoas usuarias de Down Lugo participarán nunha sesión semanal dirixida por unha profesional especializada en musicoterapia e danza aplicada á educación especial. A través dunha metodoloxía adaptada e participativa, traballaranse aspectos relacionados coa coordinación, a psicomotricidade, a expresión corporal, a percepción espacial, o sentido do ritmo e as habilidades sociais.
Máis alá da aprendizaxe técnica, AO COMPÁS busca crear un espazo onde as persoas usuarias de Down Lugo poidan expresarse libremente, fortalecer a súa autoestima e descubrir novas formas de comunicación a través do movemento.
As sesións desenvolveranse de forma progresiva coa finalidade de construír unha coreografía colectiva que será interpretada ao remate da tempada xunto con bailaríns e bailarinas colaboradores do proxecto, simbolizando os valores que inspiran esta iniciativa: inclusión, respecto, cooperación e igualdade de oportunidades.
AO COMPÁS representa a convicción de que a música e a danza son linguaxes universais capaces de unir persoas, derrubar barreiras e crear experiencias compartidas nas que cada participante achega o seu propio talento.
Porque cando cada persoa aporta o mellor de si, todas avanzamos ao mesmo compás.
Proxecto patrocinado por ALBIA Funeraria Fernández.