Dende a Fundación Breogán, en colaboración con Dano Cerebral Lugo, poñemos en marcha unha iniciativa pioneira: desenvolver unha experiencia de deporte adaptado en catro colexios de Lugo para dar a coñecer a modalidade da Boccia — deporte paralímpico con longa tradición en España. 

O obxectivo? Que os centros educativos non só se acheguen ao deporte adaptado senón que tamén reflexionen e tomen conciencia sobre as diferentes formas de discapacidade — en especial o dano cerebral — e rompan cos paradigmas de “non poden, non son capaces”. Aquí, o que importa é que si son capaces. Non poderán facer o baloncesto convencional, pero poden xogar a un deporte adaptado, con regras e entorno axeitados, e participar con éxito.

A acción dividese en dúas fases:

Primeira sesión: Xornada informativa e divulgativa dentro do colexio, para presentar a Boccia, os valores que incorpora e as oportunidades que ofrece.

Segunda sesión: Actividade práctica posterior, onde os nenos e nenas poderán experimentar directamente a modalidade, vivir o xogo, aprender as regras e comprobar que, con pequenos axustes, todos poden participar.

Unha aposta pola inclusión, polo entendemento e pola aprendizaxe a través do movemento e do xogo adaptado.

Centros educativos participantes:

  • Maristas Lugo
  • CEIP de Nadela
  • Colexio Diocesano A Milagrosa
  • CEIP Anexa Lugo
 

Arrancamos no Colexio Maristas

A Fundación Breogán, xunto con Dano Cerebral Lugo, iniciou o proxecto Boccia Escolar Adaptada – Eu tamén son capaz no Colexio Maristas.
Nunha primeira sesión teórica, o alumnado coñeceu este deporte paralímpico da man do educador social Pablo Freire, destacando os valores de inclusión e participación.
Na segunda sesión, xa práctica, os nenos e nenas de 3º de Primaria puideron experimentar directamente a boccia, acompañados por persoas usuarias de Dano Cerebral Lugo. Ambas actividades contaron co apoio e a excelente acollida da dirección e do profesorado do centro. O proxecto continúa con vocación de seguir achegando a inclusión aos centros educativos de Lugo.

Boccia Escolar chega ao CEIP Anexa

Seguimos dando pasos co proxecto 𝗕𝗢𝗖𝗖𝗜𝗔 𝗔𝗗𝗔𝗣𝗧𝗔𝗗𝗔 𝗘𝗦𝗖𝗢𝗟𝗔𝗥 – Eu tamén son capaz 💙
A Fundación Breogán, xunto con Dano Cerebral Lugo, levou ao CEIP Anexa o proxecto Boccia Escolar Adaptada – Eu tamén son capaz.
A iniciativa desenvolveuse en dúas sesións: unha primeira xornada teórica para achegar ao alumnado á realidade da boccia e reflexionar sobre inclusión e diversidade funcional, e unha segunda sesión práctica na que puideron experimentar este deporte paralímpico acompañados polos técnicos e persoas usuarias de Dano Cerebral Lugo.
Unha experiencia educativa que promove a igualdade de oportunidades a través do deporte.

Boccia Escolar - CEIPP de Nadela

Seguimos sumando experiencias co proxecto Boccia Escolar Adaptada – Eu tamén son capaz 💙
Nesta ocasión visitamos o CEIP Plurilingüe de Nadela, onde desenvolvemos a sesión práctica tras o primeiro achegamento teórico realizado previamente no centro.
O alumnado puido descubrir e practicar a Boccia, un deporte paralímpico que demostra que, con adaptacións axeitadas, todas as persoas poden participar e gozar do xogo. 🏐
A actividade estivo guiada polos técnicos de @danocerebrallugo, acompañando ao alumnado neste primeiro contacto coa modalidade e achegando valores como a inclusión, o respecto e a igualdade de oportunidades.
Grazas ao profesorado e ao alumnado do CEIP Plurilingüe de Nadela pola súa implicación e entusiasmo ao longo da xornada.
Seguimos levando o deporte adaptado aos centros educativos para construír unha sociedade máis consciente, máis aberta e máis inclusiva.
✨ Porque todos e todas podemos dicir: eu tamén son capaz.

NOVA TEMPADA

𝗕𝗼𝗰𝗰𝗶𝗮 𝗘𝘀𝗰𝗼𝗹𝗮𝗿 volve ás aulas!

Primeira visita deste curso e primeira parada: o Colexio 𝗙𝗿𝗮𝗻𝗰𝗶𝘀𝗰𝗮𝗻𝗼𝘀 de Lugo, onde compartimos unha mañá estupenda co alumnado de 4º de Primaria, acompañados polo seu profesor Ángel.

Da man dos nosos amigos de 𝗗𝗮𝗻𝗼 𝗖𝗲𝗿𝗲𝗯𝗿𝗮𝗹 𝗟𝘂𝗴𝗼, Marta, Nemesio e Pablo (alias 𝙼𝚛. 𝙱𝚘𝚌𝚌𝚒𝚊), descubrimos que a boccia é moito máis ca un deporte: é unha oportunidade para aprender, participar e entender a inclusión desde a experiencia.

Grazas ao @colexiofranciscanoslugo pola acollida e por sumarse a esta aventura na que seguimos aprendendo que tod@s somos capaces.