
Un proxecto Mixed Ability da Fundación Breogán co patrocinio de Pazo de Vilane e coa Fundación Dignidade como partner deportivo.
Hai soños que nacen do convencemento profundo de que as cousas poden —e deben— facerse doutro xeito. CHAN COMÚN é un deses soños feitos realidade. Un proxecto pioneiro en Galicia que leva ao deporte un principio sinxelo e poderoso: xogar, compartir e convivir en igualdade real.
Da man da Fundación Breogán, co patrocinio de Pazo de Vilane e co apoio esencial de Fundación Dignidade, poñemos en marcha en Lugo o primeiro proxecto Mixed Ability de baloncesto en Galicia, un dos poucos existentes no Estado, cunha clara proxección europea e unha misión firme: construír espazos deportivos onde todas as persoas teñan cabida, sen etiquetas nin barreiras.
Chan Común – Combinado feminino
Onte tivemos unha xornada que volve resumir á perfección o espírito de CHAN COMÚN.
O noso equipo feminino compartiu pista cun combinado formado por xogadoras de distintos clubs da provincia de Lugo — @cbceltasfoz, @cbsarria, @cbterracha e @axscseniorfemenino — nun partido marcado polo respecto, a convivencia e o gusto polo baloncesto.
No outro banco estivo tamén unha figura destacada do noso deporte, Juan Corral, nun encontro que simbolizou perfectamente o que aquí defendemos: dúas referencias do baloncesto galego, Pirulo e Juan Corral, fronte a fronte nun contexto moi especial.
Porque en CHAN COMÚN a idea é clara: non hai oposicións reais.
Hai persoas que comparten pista, paixón e unha mesma forma de vivir o deporte.
O obxectivo non está no marcador.
Está en seguir construíndo un espazo no que o baloncesto sirva para unir.
E si, trátase dun proxecto verdadeiramente fermoso, deses que deixan pegada.
Queremos agradecer de novo á Delegación de Lugo do Comité Galego de Árbitros de Baloncesto a súa implicación nesta iniciativa, así como ás xogadoras dos diferentes clubs participantes por facer posible unha experiencia tan enriquecedora.
E o noso agradecemento tamén a quen acompaña este camiño e fai posible que medre cada día: @pazodevilane polo seu apoio como patrocinador e á @fundaciondignidade, peza clave neste proxecto.
🏀 Xunt@s de verdade!
Chan Común – Comité Galego de Árbitros de Baloncesto
Onte vivimos unha desas tardes que explican perfectamente o que é CHAN COMÚN.
O noso equipo masculino compartiu pista cun combinado do Comité Galego de Árbitros de Baloncesto – Delegación de Lugo, nun encontro cheo de respecto, complicidade e baloncesto do bo.
Na grada, animando e formando tamén parte da experiencia, estiveron as xogadoras do equipo feminino, demostrando que neste proxecto todos os pasos se dan en equipo.
Porque aquí o importante non é o resultado.
É compartir.
É convivir.
É construír un espazo onde todas as persoas teñan o seu lugar.
Grazas ao Comité Galego de Árbitros por sumarse a esta aventura e por facer súa a filosofía de CHAN COMÚN.
E grazas tamén a quen fai posible que este proxecto siga medrando cada día: Pazo de Vilane, polo seu compromiso como patrocinador, e á Fundación Dignidade, compañeira imprescindible neste camiño.
💙 Xunt@s de verdade
CHAN COMÚN - Encontros Especiais
Hai partidos que se xogan mirando o marcador.
E hai outros que se xogan co corazón.
Os próximos 15 e 22 de xuño, CHAN COMÚN vivirá dúas citas moi especiais.
O equipo masculino compartirán pista cun combinado do Comité Galego de Árbitros de Baloncesto, mentres que o equipo feminino fará o propio fronte a xogadoras procedentes do CB Celtas de Foz, CB Sarria, CB Terra Chá e AX Sagrado Corazón.
No banco rival estará outra lenda do noso baloncesto, Juan Corral. Dúas traxectorias extraordinarias fronte a fronte: Pirulo e Juan Corral.
Pero en CHAN COMÚN sabemos que aquí non hai rivais.
Hai persoas que comparten unha mesma paixón, unha mesma pista e unha mesma maneira de entender o deporte.
Porque isto non vai de gañar ou perder.
Vai de demostrar que outra forma de facer baloncesto é posible.
🏀 Xunt@s de verdade
CHAN COMÚN aquí non se para
Unha semana máis de adestramentos, aprendizaxes compartidas e moitos momentos para gardar.
Seguimos construíndo equipo, dentro e fóra da pista.
👀 E atentos... porque nos vindeiros días anunciaremos unha cita moi especial que terá lugar a próxima semana.
O mellor está por chegar
CHAN COMÚN en movemento
Un adestramento máis… e moito máis ca iso.
Un espazo real onde compartir, aprender e sentirse parte.
Grazas ás persoas que o fan posible:
aos nosos xogadores e xogadoras, ao noso míster Pirulo, e ao apoio de Pazo de Vilane e Fundación Dignidade.
Seguimos construíndo algo diferente.
Presentación Oficial
Presentación oficial dos equipos masculino e feminino de CHAN COMÚN, na que ademais fixemos entrega das súas equipacións oficiais de xogo.
No acto estiveron presentes Nuria Varela-Portas, presidenta da Fundación Breogán en representación de Pazo de Vilane; Fernando Pérez-Lozano, presidente da Fundación Dignidade; e Victorino Escamilla Paz, director xeral, acompañando a todos os participantes neste día tan importante.
Grazas a todas as persoas que facedes posible este proxecto e que xa formades parte deste chan común.
Entrevista a Pirulo - El Progreso
“Agora, en vez de mirar o marcador, miro a cara dos rapaces”
Non podía haber mellor previa para o que viviremos hoxe.
O noso adestrador, Pirulo Fernández, protagonista dunha fermosa entrevista en El Progreso, na que pon palabras ao que significa CHAN COMÚN: un baloncesto diferente, onde o importante non é gañar… senón compartir, gozar e sentirse parte.
Un proxecto que emociona tamén a unha lenda, e que nos lembra por que facemos isto.
👉 Podes ler a entrevista completa aquí.
Esta tarde… comeza algo moi especial .
Comezan os adestramentos
O primeiro proxecto Mixed Ability de baloncesto en Galicia deu os seus primeiros pasos cunha toma de contacto chea de ilusión, baixo a dirección de Pirulo Fernández e coa participación de persoas vinculadas aos proxectos sociais da Fundación Breogán.
Desde aquela primeira sesión, o equipo non deixou de medrar: continúan os adestramentos, fortalecendo o grupo e estreando novas equipacións nun ambiente de compromiso, aprendizaxe e baloncesto compartido.
Un proxecto que vai moito máis alá da pista, construído grazas ás persoas participantes e ao apoio de Pazo de Vilane e Fundación Dignidade.
O camiño acaba de comezar 💙🏀
Nico Adega - Un padriño que inspira
Temos a honra de contar con Nico Martínez Adega como padriño dos equipos de CHAN COMÚN — Xunt@s de verdade.
Nico non é só un dos deportistas máis destacados de Galicia: tras superar un duro proceso persoal e converterse en campión do mundo de piragüismo na categoría KL3 sénior, sabe mellor que ninguén o valor do esforzo, da constancia e de crer no que parece imposible.
Grazas, Nico, por pór voz a este proxecto e por compartir os valores que nos moven: inclusión, igualdade, superación e deporte sen barreiras.
Pirulo Fernández, adestrador Chan Común
Grande entre os grandes. Referente dentro e fóra da pista.
“Pirulo” Fernández será o adestrador dos equipos de CHAN COMÚN — Xunt@s de verdade.
A súa experiencia, o seu carácter e o seu amor polo baloncesto encaixan á perfección cun proxecto que aposta por un deporte sen etiquetas, compartido e inclusivo.
Unha iniciativa impulsada pola Fundación Breogán, 🤝 co patrocinio de Pazo de Vilane e coa Fundación Dignidade como partner deportivo.
Grazas, Pirulo, por sumar a túa traxectoria e o teu corazón a esta aventura 💙
Que é Mixed Ability?
Mixed Ability é moito máis ca unha metodoloxía deportiva. É un movemento social europeo que transforma a maneira de entender o deporte comunitario. Promove equipos nos que persoas con e sen discapacidade, con distintas capacidades, idades ou circunstancias vitais, xogan xuntas no mesmo club, coas mesmas regras e co mesmo dereito a participar.
Aquí non se clasifica nin se exclúe. Aquí conta o que cada persoa pode facer, non o que outros supoñen que non pode.
Mixed Ability abre a porta tamén a quen convive con problemas de saúde mental, enfermidades crónicas, limitacións asociadas á idade, baixa autoconfianza ou situacións persoais que dificultan a práctica deportiva. E faino desde a convivencia real, horizontal e enriquecedora.
Deporte real. Clubs reais. Participación real.
CHAN COMÚN non é deporte adaptado nin unha actividade paralela. É baloncesto convencional, cunha filosofía clara:
- Pertenza a un club real.
- Adestramentos regulares e sostibles.
- Autodeterminación das persoas participantes.
- Convivencia activa entre persoas diversas.
- Contornos seguros, acolledores e libres de prexuízos.
Porque a inclusión non se proclama: practícase cada día na pista.
Formación, educación e cambio social.
O modelo Mixed Ability incorpora un forte compoñente educativo. A través da rede internacional IMAS, persoas con experiencia directa en superar exclusións participan na formación de:
- Adestradores/as
- Clubs
- Federacións
- Entidades deportivas
Isto garante unha aprendizaxe realista, vivida e transformadora, que xera:
- Mellora do benestar físico e emocional
- Comprensión social da diversidade
- Cambio de percepcións sobre as capacidades
- Comunidades máis xustas e cohesionadas
Implantación en Galicia: un proxecto pioneiro.
En Lugo crearase inicialmente:
- Un equipo Mixed Ability masculino
- Un equipo Mixed Ability feminino
Con adestramentos semanais e encontros amigables con clubs galegos, colectivos deportivos e outras iniciativas que darán visibilidade a un novo xeito de entender o deporte.
Os equipos contarán coa participación de persoas procedentes dos proxectos da Fundación Breogán (AROS, Liga Sénior, Proxecto Cris Seijo) e permanecerán abertos a toda persoa interesada en formar parte dun deporte verdadeiramente inclusivo.
Alianza estratéxica coa Fundación Baskonia.
A Fundación Breogán traballa xa en colaboración coa Fundación Baskonia, referente estatal en Mixed Ability, para desenvolver accións conxuntas e situar Galicia e Euskadi como territorios líderes na inclusión deportiva real.
Pazo de Vilane e Fundación Dignidade: pezas claves deste camiño
O apoio de Pazo de Vilane e da Fundación Dignidade é esencial para facer posible CHAN COMÚN. Compartimos valores: igualdade, participación, compromiso social e visión transformadora.
Grazas ao seu patrocinio:
- Impúlsase o modelo Mixed Ability en Galicia
- Créase unha estrutura estable e sostible
- Foméntase a implicación dos clubs galegos
- Consolídase un proxecto con vocación autonómica e nacional
Un futuro común
CHAN COMÚN — Xunt@s de verdade representa o mellor do deporte: esforzo compartido, aprendizaxe, comunidade e humanidade.
É o proxecto que levabamos tempo soñando. Hoxe é realidade.
E estamos convencidos de que, xunt@s, abriremos un camiño que outros seguirán.
Benvidas e benvidos ao noso chan común.





































































