
COLABORACIÓNS
Sumando esforzos, multiplicando impacto.
Na Fundación Breogán cremos no poder do traballo en equipo, dentro e fóra da cancha. Por iso, cada ano unímonos a proxectos e eventos que comparten os nosos valores e contribúen ao desenvolvemento social, deportivo e comunitario.
As nosas colaboracións non son iniciativas organizadas pola fundación, senón accións nas que participamos activamente, achegando apoio e compromiso para que cheguen máis lonxe. Desde torneos solidarios ata programas en favor de colectivos en situación de vulnerabilidade, pasando por proxectos de inclusión e promoción do deporte, cada colaboración é unha oportunidade para sumar sinerxías e facer do baloncesto unha ferramenta de cambio social.
Aquí atoparás todas as colaboracións de 2025. Grazas a todas as entidades, asociacións e persoas coas que compartimos este camiño. Xuntos seguimos facendo do deporte un motor de igualdade, superación e esperanza.
SESIÓNS DE PILATES CON AECC LUGO
Comezamos unha nova colaboración coa AECC Lugo, co obxectivo de mellorar a saúde e o benestar das súas persoas usuarias.
No marco desta iniciativa poránse en marcha distintas accións, como unha clase semanal de pilates a cargo de Patricia Pontón, charlas de interese e visitas ao Pazo dos Deportes para gozar en directo dos partidos do CB Breogán.
Un proxecto que une deporte e solidariedade na loita contra o cancro, acompañando ás persoas e reforzando a importancia de coidar corpo e mente.
XUNT@S POLA INCLUSIÓN
O vindeiro 10 de decembro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, celebramos unha xornada especial para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
🤝 Da man da Fundación Breogán e Cafés Candelas, todas as asociacións lucenses están convidadas a vivir unha mañá chea de xogos, deporte, creatividade e diversión para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.
🕙 10:00 – 13:00 h
Inchables deportivos, arcade, xogos interactivos, touro mecánico, mini golf, slot, xogos populares e pintacaras.
✨ 13:00 – 14:00 h
Peche máxico co Mago Rafa!
🎈 Entrada libre e de balde.
Sumádevos a unha xornada que aposta pola igualdade, a convivencia e a inclusión real.
Esta mañá vivimos unha xornada verdadeiramente especial no @pazodefeiraslugo para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
🤝 Da man da Fundación Breogán e @cafescandelas, reunimos ás asociacións lucenses nun espazo cheo de xogos, creatividade e momentos inesquecibles, demostrando unha vez máis que a inclusión é un camiño que se constrúe entre todas e todos.
Foi un pracer recoñecer a varios usuarios e usuarias dos nosos proxectos, compartir con eles esta mañá tan especial… e incluso puidemos ver a Máximus, que non quixo perderse a festa!
🎉 Inchables deportivos, xogos interactivos, arcade, touro mecánico, mini golf, slot, xogos populares, pintacaras… e un peche máxico co talento do @magorafa, que puxo o broche perfecto a unha xornada para lembrar.
Grazas a todas as persoas e entidades que vos sumastes, pola vosa enerxía, sorrisos e espírito de convivencia.
Seguimos traballando por unha sociedade máis inclusiva, diversa e aberta. ✨
ASPNAIS Lugo
ENTREGA DE EQUIPACIÓNS - 21 xaneiro 2026
Equipados para seguir xogando pola inclusión.
Esta mañá vivimos un momento moi especial: fixemos entrega da equipación ao equipo de baloncesto Special Olympics de ASPNAIS Lugo, un proxecto que representa á perfección os valores do deporte como ferramenta de inclusión, compañeirismo e superación.
A entrega realizárona Salva Arco, Director Xeral do CB Breogán; Ana Traseira, Directora da UNED Lugo; e Luis Casimiro, adestrador do CB Breogán.
Acompañando ao equipo tamén nos visitou Jacobo Real, responsable de deportes de ASPNAIS, e contamos coa presenza de Tito Díaz, Director Deportivo do CB Breogán.

Ver a ilusión nos ollos destes rapaces recórdanos por que paga a pena seguir traballando por unha sociedade máis aberta e inclusiva.















