“Memoria Celeste” é un proxecto da Fundación Breogán que nace coa vontade de preservar e celebrar a historia viva do Club Baloncesto Breogán a través das voces das súas lendas. Xogadores, adestradores e figuras clave que deixaron pegada no Pazo dos Deportes e nos corazóns da nosa afección.

Trátase de crear un espazo emocional, documental e divulgativo onde lembrar, recoñecer e compartir as experiencias das persoas que construíron o club desde dentro. Historias humanas de superación, compromiso, amizade e identidade celeste, contadas en primeira persoa.

 

"Memoria Celeste" é unha homenaxe viva, un arquivo sentimental e audiovisual onde o pasado cobra nova vida, onde os valores do deporte se conectan co presente e co futuro.

Unha ponte entre xeracións, que conserva o legado e fai comunidade.
Este proxecto pretende tamén ser un instrumento educativo e social, achegando referentes locais á mocidade e fortalecendo o sentido de pertenza á familia celeste. Porque quen coñece a súa historia, xamais esquecerá quen é.
As lendas Antonio Seral e Paco Basanta inauguran o proxecto Memoria Celeste no HULA.
Hoxe a emoción tráenos recordos poderosos e persoas imprescindibles para entender o que somos. Antonio Seral e Paco Basanta non só pertencen á historia do Breogán… son parte viva dela.
Antonio Seral, nado en Zaragoza en 1949, xogador nos anos 70 co Breogán e con outros clubs galegos, sobrevivente daquel tráxico accidente de Nadal de 1970 que lle custou a vida a Manuel Merino e o deixou a el gravemente ferido, converteuse despois en directivo, secretario técnico e xerente do club. Co seu carácter sereno e o seu amor por este deporte, foi unha peza clave nos primeiros ascensos, na Copa Korac e en tantas páxinas douradas do breoganismo.
Paco Basanta, pola súa parte, foi xogador nos anos 80, base de entrega e compromiso, defensor incansable do celeste en tempos difíciles. Despois de colgar as botas, seguiu ligado ao Breogán como xornalista e cronista, converténdose na memoria escrita do club: a voz que, dende as páxinas de El Progreso, ten narrado con emoción cada logro, cada anécdota e cada latexar da afección lucense.
A súa presenza nesta visita á Aula Pediátrica do HULA, enmarcada dentro do proxecto Experiencia Breogán, simboliza o que queremos seguir facendo: integrar ás nosas lendas nas actividades e proxectos sociais da Fundación Breogán, para que a súa experiencia e valores sigan inspirando ás novas xeracións.
Porque escoitar a Antonio Seral é entender o que custou cada ascenso, cada soño.
E ter preto a Paco Basanta é deixar que a palabra se convirta en emoción, para que o pasado siga a latexar no presente.
💙 Grazas, Antonio. Grazas, Paco.
MEMORIA CELESTEAs nosas lendas, a nosa historia.