MOUCHO

 

 

 

Proxecto de integración arbitral e educación en valores deportivos

A Fundación Breogán, en colaboración co Comité Galego de Árbitros de Baloncesto (FEGABA), delegación de Lugo, impulsa para a tempada 2026/2027 un novo proxecto de integración, participación e divulgación da figura arbitral no baloncesto.

Esta iniciativa nace co obxectivo de achegar o colectivo arbitral á sociedade, visibilizar o seu papel fundamental no desenvolvemento do xogo e fomentar valores como o respecto, a convivencia, a igualdade e o xogo limpo desde idades temperás.

O proxecto estrutúrase en dúas liñas principais de actuación:

1. Participación social e integración

Promóvese a implicación activa das árbitras e árbitros nos diferentes programas sociais da Fundación Breogán, participando en actividades de voluntariado, encontros deportivos e partidos amistosos vinculados a proxectos como AROS, NÓS e outras iniciativas socio deportivas.

Ademais, establécese a posibilidade de que o colectivo arbitral colabore directamente en actividades formativas, como o curso básico de arbitraxe dirixido aos usuarios do Proxecto Ícaro, fomentando así a transmisión de coñecemento e experiencia.

2. Árbore educativa: o árbitro nos centros escolares

A segunda liña do proxecto céntrase no ámbito educativo, achegando a figura do árbitro aos centros escolares como parte esencial do deporte.

O árbitro preséntase como un deportista máis, cunha identidade propia e unha función clave no xogo. Como parte desta actividade, organízase un concurso creativo no que o alumnado deseñará a equipación arbitral.

Un xurado especializado seleccionará o deseño gañador, que será producido e utilizado en partidos oficiais e encontros especiais da FEGABA. A persoa gañadora recibirá a camiseta deseñada, un recoñecemento institucional e unha visita ao Pazo dos Deportes.

Un proxecto de futuro

Esta iniciativa busca construír unha nova mirada sobre a arbitraxe, promovendo o respecto, a educación en valores e a participación activa da mocidade no deporte.

Un proxecto onde o árbitro non só dirixe o xogo, senón que tamén forma parte da súa aprendizaxe.