NÓS BALONCESTO

 

 

Un proxecto da Fundación Breogán

NÓS nace como algo máis que un novo proxecto. Nace como unha declaración.

Nun deporte como o baloncesto, onde cada movemento require decisión, forza e confianza, o equipo non fala en singular. Fala en colectivo. NÓS non é só unha palabra: é unha forma de estar no mundo. Un xeito de dicir que ninguén compite só, que cada pase, cada defensa e cada avance pertence a algo maior ca cada persoa.

No contexto da Fundación Breogán, este proxecto de baloncesto en cadeira de rodas representa unha extensión natural da nosa identidade: o baloncesto como punto de encontro, como ferramenta de comunidade e como linguaxe común que une realidades distintas baixo unha mesma idea. Aquí non hai etiquetas que separen; hai unha pista que iguala e transforma.

O nome NÓS sintetiza esa filosofía. É unha palabra sinxela pero profundamente poderosa. Pode significar o “nós” colectivo, a suma de persoas que camiñan xuntas, pero tamén é un punto de unión, un vínculo. Algo que ata, que conecta, que sostén. Nese dobre significado está o espírito do equipo: unión e forza, identidade compartida e resistencia.

Un proxecto con dúas vertentes

NÓS BALONCESTO estará dirixido por José Manuel Teijido, en coordinación coa Fundación Breogán e estrutúrase arredor de dúas dimensións complementarias que se alimentan mutuamente.

Por unha banda, o equipo de baloncesto en cadeira de rodas, un espazo deportivo aberto, inclusivo e en crecemento, pensado para adestrar, competir e construír unha identidade común a través do esforzo compartido.

Por outra banda, unha vertente educativa, coa que o proxecto se achegará aos centros educativos da provincia de Lugo durante o curso escolar 2026/2027, co obxectivo de dar a coñecer o baloncesto en cadeira de rodas, fomentar a inclusión e promover valores como o respecto, a diversidade e o traballo en equipo desde idades temperás.

A través desta liña educativa, o deporte sae da pista para entrar nas aulas, converténdose nunha ferramenta de aprendizaxe e sensibilización real.

Un proxecto aberto

Abrimos dende xa o proceso de inscrición para todas aquelas persoas que queiran formar parte do equipo de baloncesto en cadeira de rodas.

A partir de setembro, abrirase tamén a inscrición para centros educativos e responsables docentes interesados en acoller a actividade nos seus centros durante o curso 26/27.

Máis que baloncesto

NÓS BALONCESTO é a expresión deportiva dun principio. Pero o corazón segue sendo o mesmo: unha idea de pertenza.

Non se trata só de xogar ao baloncesto en cadeira de rodas. Trátase de construír un espazo onde o deporte non é adaptación, senón capacidade; non é diferenza, senón riqueza; non é límite, senón linguaxe común.

Este proxecto quere emocionar, pero tamén normalizar. Quere competir, pero tamén inspirar. Quere gañar partidos, pero sobre todo construír algo máis grande: unha comunidade que se recoñece, que se apoia e que se impulsa.

Porque cando o equipo entra en pista, non entra un xogador. Non entran cinco. Entra unha idea compartida.

Entra NÓS.

 

Lorena Bermúdez en NÓS Baloncesto

Visita moi especial no adestramento de NÓS BALONCESTO.

Recibimos a 𝗟𝗼𝗿𝗲𝗻𝗮 𝗕𝗲𝗿𝗺ú𝗱𝗲𝘇, extremo dereito do @icbcoruna e recentemente proclamada Campioa do Mundo de balonmán en cadeira de rodas coa selección española, un fito histórico ao ser a primeira vez que España conquista este título.

Foi un auténtico privilexio compartir este tempo con ela, coñecer de primeira man a súa experiencia e escoitar unha mensaxe tan inspiradora para todas as persoas que forman parte do proxecto.

Parabéns por este logro histórico e moitas grazas pola túa visita, cercanía e motivación.

Presentación de NÓS Baloncesto

O 18 de setembro tivemos a oportunidade de presentar oficialmente Nós Baloncesto durante a Xornada de Deporte Inclusivo organizada por ASPACE Lugo no Polideportivo de Frigsa.

Foi unha mañá chea de deporte, convivencia e aprendizaxe compartida, na que puidemos dar a coñecer un proxecto que nace coa vontade de seguir creando espazos de participación, inclusión e oportunidades a través do baloncesto.

Grazas a ASPACE Lugo pola invitación e a todas as persoas que se achegaron para coñecer de preto esta nova iniciativa da Fundación Breogán.

Isto só acaba de comezar. 💙

CIFP Politécnico

Comezamos a achegar o baloncesto en cadeira de rodas aos colectivos interesados en coñecer NÓS BALONCESTO. 💙

A primeira parada foi co alumnado do Ciclo de Ensinanza e Animación Sociodeportiva do 𝗖𝗜𝗙𝗣 @politecnicolugo , no módulo de inclusión, que se achegou para descubrir de primeira man esta modalidade deportiva.

Unha oportunidade para compartir, aprender e coñecer todo o que o baloncesto en cadeira de rodas pode achegar tamén no ámbito educativo e social.

Grazas por vir coñecernos e por compartir esta experiencia connosco.

 

Máis Que Basket No Rural

A última sesión de Máis Que Basket no Rural en Guitiriz foi moi especial. Unha representación do equipo de baloncesto en cadeira de rodas de NÓS Baloncesto, achegouse para compartir pista, experiencias e moito baloncesto cos rapaces e rapazas.

Un deses encontros nos que todos aprendemos, compartimos e medramos xuntos. A transversalidade dos nosos proxectos tamén se constrúe así: creando conexións e enriquecéndonos mutuamente. 💙

¡NÓS BALONCESTO afronta un nuevo reto!

O próximo sábado 22 de novembro estaremos no XXXI Trofeo Villa de Avilés BSR, unha cita co baloncesto en cadeira de rodas que terá lugar no Polideportivo Jardín de Cantos.

Un pracer formar parte desta iniciativa organizada pola Asociación COSA NUESA ALPE Asturias, que traballa pola promoción do deporte e a inclusión no ámbito da discapacidade.

¡Temos moitas ganas de vivir esta experiencia e seguir medrando como equipo!