A Fundación Breogán, a través do PROXECTO ÍCARO pon en marcha un programa de boas prácticas deportivas para mozas e mozos en risco de vulnerabilidade social. O seu obxectivo, entendendo o deporte como unha ferramenta idónea, é reducir a brecha social das rapazas e rapaces que non teñen a súa participación na sociedade garantida en condicións de igualdade, xa sexa por aspectos socioeconómicos, socioculturais, socioxeográficos ou persoais. 

O proxecto é posible grazas á colaboración da Vicepresidencia da Excma. Deputación de Lugo e ao apoio das Fundacións Dignidade e Juan Soñador.

BALONCESTO: Álex Martín, Graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Adestrador de Baloncesto da Fundación Breogán.

BOXEO

BÉISBOL: Lume Béisbol Club – Adestrador Pedreira.

RUGBY

 

TEMPORALIZACIÓN: 1 Sesión semanal (martes) dunha hora de duración durante os meses de novembro a maio.


DESTINATARIAS/OS: 12 prazas para rapazas e rapaces entre 14 e 18 anos e máis.


CONTIDOS:

  • Achegamento ao deporte a través de catro modalidades diferentes.
  • Fomento da práctica de portiva como hábito saudable e como alternativa do tempo de lecer e/ou prevención doutro tipo de hábitos non recomendables.
  • Promover valores propios do deporte para a súa integración na vida persoal como o respecto ás diferencias individuais, o esforzo, o compromiso, a perseverencia, a resiliencia etc.
  • Desenrolar positivamente e de forma constructiva o autoconcepto das e
    dos participantes, así como a súa autoestima.
  • Axudar á consolidación da súa identidade propia e da súa autonomía persoal.
  • Crear un contexto de socialización adecuada establecendo relacións positivas.
  • Suscitar cambios de actitudes.
  • Fomentar unha alimentación saudable.

 

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

 

22/10/24 - Presentación oficial no IES Muralla Romana do proxecto que iniciamos co apoio da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Na presentación estiveron acompañando ao Director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; a Xefa Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Sagrario Sánchez; o Director do IES Muralla Romana, Alberto Corujo; a Inspectora do Centro, Nazaret e en representación das Fundacións que colaboran con nós nesta actividade: Olalla Caamaño, educadora na Fundación Juan Soñador e Victorino Escamilla, coordinador da Fundación Dignidade.
Logo da presentación e da man do preparador físico e adestrador da Fundación Breogán, Álex Martín, iniciamos o adestramento de baloncesto, primeiro dos deportes aos que se achegarán os participantes de Ícaro cada semana e que comprenderán tamén boxeo, béisbol e rugby.

 
Proxecto Ícaro - Seguimos adiante.
Desde a Fundación Breogán, continuamos levando a cabo adestramentos cada martes no IES Muralla Romana, da man do noso adestrador Álex Martín. Durante estas últimas semanas, os nosos mozos demostraron un compromiso incrible e unha participación exemplar.
Grazas ao apoio da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, este proxecto segue medrando. E o vindeiro martes, faremos unha pausa no baloncesto para adentrarnos nun novo desafío: practicaremos béisbol! Unha paréntese especial para descubrir xuntos outro deporte e seguir compartindo aprendizaxes.
Grazas a todos os que o fan posible e aos nosos mozos por cada esforzo e cada sorriso!
19/11/24 -Esta semana os nosos rapaces viviron unha experiencia única: un primeiro achegamento ao béisbol a través dunha variante igual de emocionante, o sóftbol.
Queremos agradecer ao Lume Béisbol Club e ao seu adestrador Pedreira por guiarnos con tanta paixón e dedicación. Foi unha grande oportunidade para aprender, desfrutar e, sobre todo, traballar en equipo.
O deporte únenos, ensínanos e impulsa a superar límites. Seguimos medrando xuntos!
 

 
Proxecto Ícaro - Sumando proxectos.
Hoxe despedimos os adestramentos do Proxecto Ícaro da Fundación Breogán ata a volta das vacacións de Nadal.
Esta sesión especial estivo dirixida, coma sempre, polo noso adestrador, Álex Martín, pero contou cunha invitada moi especial: Raquel Asensio, ex-xogadora profesional, integrante do equipo de veteranas do Proxecto Cris Seijo e, como non podía ser doutro xeito, a nosa triplista favorita.
Esta experiencia amosa á perfección un dos valores máis importantes da Fundación: a transversalidade entre proxectos, que nos permite aprender, colaborar e medrar xuntos.
Bo Nadal a todos e todas! Vémonos en 2025 con máis ilusión e enerxía para seguir disfrutando do deporte que tanto nos apaixona.