XORNADAS DE TECNIFICACIÓN
11, 12 e 13 de Abril de 2022.
A Semana Santa de 2022 foi moi especial para os 50 rapaces de entre 8 e 16 anos, que en menos de 48 horas esgotaron as inscricións para as I XORNADAS DE TECNIFICACIÓN da FUNDACIÓN BREOGÁN.
Compartiron adestramentos con xogadores e técnicos do C.B. Breogán, desfrutaron de xornadas formativas nas magníficas instalacións de D10 Centro Deportivo e tiveron agasallos exclusivos como recordo do seu paso polas Xornadas.
Sen dúbida, unha experiencia única e innovadora que vai marcar un antes e un despois na oferta deportiva e de ocio da cidade de Lugo.
As Xornadas comezaron o día 11 no anexo do Pazo dos Deportes. Logo das presentacións, cada un dos participantes recibíu a camiseta exclusiva e a botella personalizada co seu nome.
Nesta primeira mañá de adestramentos, tivemos a visita dos técnicos do C.B.Breogán Javi Muñoz e Quique Fraga. Xunto co director da Fundación, Salva Arco e o equipo de adestradores, estiveron traballando cos participantes (divididos por idades) diferentes aspectos técnicos.
Pero a mañá aínda nos traería máis sorpresas en forma de visita. Os bases do C.B. Breogán, Trae Bell e Sergi Quintela, achegáronse ó anexo para compartir os seus coñecementos e a súa experiencia profesional cos rapaces e rapazas, centrándose sobre todo na mellora do bote e o manexo do balón.
Logo do merecido xantar no Centro Deportivo D10, a formación complementouse cunha xornada formativa en nutrición. Deporte e unha boa nutrición, as dúas claves para unha ter unha vida saudable.
O segundo día tróuxonos a visita do adestrador principal do C.B. Breogán, Veljko Mršić e do adestrador axudante Oriol Comas. Non faltaron as cuestións, as dúbidas…etc, pero sobre todo, destacamos a atención e o entusiasmo dos rapaces por poder adestrar cuns técnicos deste nivel.
Os encargados de traballar este día os aspectos defensivos foron Rasid Mahalbasic e Erik Quintela, sen dúbida dous xogadores que destacan especialmente neste eido do xogo. Dende as posicións que ocupan na cancha (pívot e base) explicaron ós nosos xogadores as peculiaridades do traballo defensivo e algún que outro “truquiño” que abofé lles vai ser moi útil.
A sesión formativa desta tarde foron dous talleres, de vendaxes funcionais e de preparación física para antes da práctica deportiva. Ditos talleres foron impartidos por Pablo Duarte e Rubén Porte, fisioterapeuta e preparador físico respectivamente, do C.B.Breogán.
Os nenos e nenas amosáronse moi participativos e interesados nesta actividade e déronse conta do importantes que son, tanto o saber facer unha boa vendaxe coma o estar físicamente ben preparado para realizar deporte.
Para o derradeiro día deixamos o que máis nos gusta facer a todos, tirar. Da man de dous grandes tiradores coma son Dzanan Musa e Tyler Kalinoski, tódolos nosos xogadores levaron para as súas casas as súas ensinanzas e a técnica á hora de lanzar a canasta.
Como festa de remate das Xornadas e logo do xantar, todos desfrutamos na piscina de D10 Centro Deportivo, de xogos e diferentes actividades acuáticas.