Novas

Memoria Celeste – Alfredo Aguado e Ángel Sevilla en Pazo Aberto

Os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe Monte Baliño, de Pantón, viviron unha mañá moi especial coa súa visita ao Pazo dos Deportes de Lugo, dentro do programa Pazo Aberto, acompañados por dúas figuras fundamentais da historia do breoganismo que se incorporan ao proxecto Memoria Celeste: Alfredo Aguado e Ángel Sevilla Valcarce.


AS ORIXES DO BREOGANISMO

Ambos formaron parte da plantilla do CB Breogán nos inicios dos anos 70, xogando co equipo na Primeira División, que daquela era a máxima categoría do baloncesto español. Foron protagonistas dunha etapa pioneira, na que o club comezaba a construír a súa identidade deportiva e social, sentando as bases do que hoxe é o Breogán.

Quen mellor ca eles para achegar ás novas xeracións a historia do club desde a experiencia vivida en primeira persoa. Durante a visita, os rapaces e rapazas puideron coñecer de preto como eran aqueles primeiros anos, marcados polo esforzo, a ilusión e o compromiso colectivo, valores que acompañaron ao Breogán desde os seus comezos.

A xornada converteuse nun exercicio de memoria viva, no que pasado e presente se deron a man. Alfredo Aguado e Ángel Sevilla Valcarce, xogadores do CB Breogán nas primeiras décadas de historia do club, compartiron recordos dunha época clave, na que participaron activamente na construción dos primeiros éxitos e no crecemento dunha afección que co paso do tempo se convertería nun dos grandes sinais de identidade do baloncesto galego.

BREOGÁN 1972 – Arriba: Teijeiro (delegado), Lorenzo, Andrés Caso, Martín, Moll (adestrador), Ángel Sevilla, Pablo Tabanera e Mano Díaz. Abaixo: Rogelio (utillero), Iván Modia, Adolfo Beneyto, Ángel Serrano, Juan Prada e Alfredo Aguado. Foto: La Voz de Galicia

Coas súas palabras e vivencias, os escolares descubriron que o legado do Breogán vai moito máis alá dos resultados deportivos: é unha historia de pertenza, traballo e paixón por unhas cores.

A presenza de Alfredo Aguado e Ángel Sevilla Valcarce reafirma a vontade de Memoria Celeste de dar voz aos protagonistas da historia do Breogán e de achegar ese legado ás novas xeracións desde a experiencia, a memoria e o sentimento de pertenza.