Onte realizamos o adestramento para a posterior pre selección dos 12 integrantes do equipo que representará ó C.B. Breogán e á Fundación Breogán na fase previa da Mini Copa Endesa.
Queremos agradecer a tódolos rapaces que acudiron á convocatoria e que deron o mellor baloncesto que levan dentro, empregándose a fondo en cada un dos exercicios propostos pol@s adestrador@s.
Falando de adestradores, a sesión estivo comandada polo Director da Fundación, Salva Arco e a adestradora principal do combinado Marga Rodríguez ( C.B. Val de Lemos ), xunto co seu adestrador axudante Diego Villadóniga ( C.B. Estudiantes ). Tamén participou do adestramento Adrián López, adestrador da Fundación Breogán.
O quecemento previo ó adestramento correu a cargo do preparador físico do C.B.Breogán, Rubén Portes. E realizando as tarefas de “scouting” tivemos o privilexio de contar con boa parte do cadro técnico do C.B. Breogán, nada menos que Veljko Mršić, Fernán Varela e Javier Muñoz.
Presenciando o adestramento contamos ca presenza de D. Javier Arias Fouz ( Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo), Dna. Lara Méndez López ( Alcaldesa do Concello de Lugo), Tito Díaz ( Director Xeral do C.B. Breogán ), D. Efrén Castro ( Deputado de Deportes da Deputación de Lugo ) e Dna. Ana González Abelleira ( Deputada provincial do PSdeG-PSOE e concelleira do concello de Lugo ).
Como xa recalcamos ó inicio, destacamos a entrega dos participantes, pero tamén queremos destacar as palabras que cada un dos representantes institucionais lles adicaron ós rapaces como peche da sesión deportiva.
Tod@s eles/as tiveron palabras de ánimo para os rapaces. Desexándolles moita sorte, que gocen desta experiencia única que están xa a vivir e que son un exemplo de compromiso deportivo e de implicación.
Dende a Fundación Breogán tan só nos queda subscribir esas palabras e compartir con eles esa ilusión por poder acudir a esta importante cita, da man do C.B. Breogán e poder espallar o espíritu breoganista e o sentir lucense polo estado español.