COLABORACIÓNS

 

 

Sumando esforzos, multiplicando impacto.

Na Fundación Breogán cremos no poder do traballo en equipo, dentro e fóra da cancha. Por iso, cada ano unímonos a proxectos e eventos que comparten os nosos valores e contribúen ao desenvolvemento social, deportivo e comunitario.

As nosas colaboracións non son iniciativas organizadas pola fundación, senón accións nas que participamos activamente, achegando apoio e compromiso para que cheguen máis lonxe. Desde torneos solidarios ata programas en favor de colectivos en situación de vulnerabilidade, pasando por proxectos de inclusión e promoción do deporte, cada colaboración é unha oportunidade para sumar sinerxías e facer do baloncesto unha ferramenta de cambio social.

Aquí atoparás todas as colaboracións de 2026. Grazas a todas as entidades, asociacións e persoas coas que compartimos este camiño. Xuntos seguimos facendo do deporte un motor de igualdade, superación e esperanza.

 

ENCONTROS PROVINCIAIS DE DEPORTE ADAPTADO

A Fundación Breogán estivo presente nos Encontros Provinciais de Deporte Adaptado, organizados por ENKI, colaborando xunto con Dano Cerebral Lugo a través do noso proxecto Boccia Escolar Adaptada.

Contamos cunha estación de Boccia, na que o alumnado participante puido coñecer e probar este deporte adaptado.

📍 O evento tivo lugar no Estadio Gregorio Pérez Rivera, de 10:30 a 13:30 h, e reuniu a diferentes centros educativos das catro provincias galegas. 

Unha xornada para aprender, compartir e seguir promovendo o deporte inclusivo.

 

SESIÓNS DE PILATES COA ASOCIACIÓN CONTRA O CANCRO LUGO

Comezamos unha nova colaboración coa Asociación Contra o Cancro Lugo, co obxectivo de mellorar a saúde e o benestar das súas persoas usuarias.

No marco desta iniciativa poránse en marcha distintas accións, como unha clase semanal de pilates a cargo de Patricia Pontón, charlas de interese e visitas ao Pazo dos Deportes para gozar en directo dos partidos do CB Breogán.

Un proxecto que une deporte e solidariedade na loita contra o cancro, acompañando ás persoas e reforzando a importancia de coidar corpo e mente.

XUNT@S POLA INCLUSIÓN

O vindeiro 10 de decembro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, celebramos unha xornada especial para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

🤝 Da man da Fundación Breogán e Cafés Candelas, todas as asociacións lucenses están convidadas a vivir unha mañá chea de xogos, deporte, creatividade e diversión para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.

🕙 10:00 – 13:00 h
Inchables deportivos, arcade, xogos interactivos, touro mecánico, mini golf, slot, xogos populares e pintacaras.

✨ 13:00 – 14:00 h
Peche máxico co Mago Rafa!

🎈 Entrada libre e de balde.
Sumádevos a unha xornada que aposta pola igualdade, a convivencia e a inclusión real.

Esta mañá vivimos unha xornada verdadeiramente especial no @pazodefeiraslugo para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

🤝 Da man da Fundación Breogán e @cafescandelas, reunimos ás asociacións lucenses nun espazo cheo de xogos, creatividade e momentos inesquecibles, demostrando unha vez máis que a inclusión é un camiño que se constrúe entre todas e todos.

Foi un pracer recoñecer a varios usuarios e usuarias dos nosos proxectos, compartir con eles esta mañá tan especial… e incluso puidemos ver a Máximus, que non quixo perderse a festa!

🎉 Inchables deportivos, xogos interactivos, arcade, touro mecánico, mini golf, slot, xogos populares, pintacaras… e un peche máxico co talento do @magorafa, que puxo o broche perfecto a unha xornada para lembrar.

Grazas a todas as persoas e entidades que vos sumastes, pola vosa enerxía, sorrisos e espírito de convivencia.
Seguimos traballando por unha sociedade máis inclusiva, diversa e aberta. ✨

 

Centro San Vicente de Paúl Lugo
ENTREGA DE EQUIPACIÓNS - 28 xaneiro 2026

Achegámonos ao Centro San Vicente de Paúl para repartir apertas e camisetas a partes iguais 💙🏀

Das apertas encargouse o noso querido Máximus, levando alegría a cada recuncho. E para facer entrega das camisetas ao equipo Special Olympics do centro, contamos coa colaboración da directora da UNED LugoAna Traseira.

Unha mañá que reafirma o noso compromiso co deporte como motor de inclusión.

ASPNAIS Lugo
ENTREGA DE EQUIPACIÓNS - 21 xaneiro 2026

Equipados para seguir xogando pola inclusión.

Esta mañá vivimos un momento moi especial: fixemos entrega da equipación ao equipo de baloncesto Special Olympics de ASPNAIS Lugo, un proxecto que representa á perfección os valores do deporte como ferramenta de inclusión, compañeirismo e superación.

A entrega realizárona Salva Arco, Director Xeral do CB Breogán; Ana Traseira, Directora da UNED Lugo; e Luis Casimiro, adestrador do CB Breogán.
Acompañando ao equipo tamén nos visitou Jacobo Real, responsable de deportes de ASPNAIS, e contamos coa presenza de Tito Díaz, Director Deportivo do CB Breogán.

Ver a ilusión nos ollos destes rapaces recórdanos por que paga a pena seguir traballando por unha sociedade máis aberta e inclusiva.

PRIMEIRO ENCONTRO - 12 de marzo de 2026

Día moi especial para o equipo ASPNAIS Special Olympics.

Os nosos amigos e amigas disputaron o seu primeiro partido da Liga Galega, nun encontro cheo de ilusión, compañeirismo e verdadeiro espírito deportivo fronte aos amigos ourensáns de As Burgas.

Cada canastra, cada aplauso e cada sorriso lembráronnos que o baloncesto é moito máis ca un xogo: é unha ferramenta para compartir, medrar e construír comunidade.

Desde a Fundación Breogán, xunto coa UNED Lugo, sentimos un enorme orgullo de acompañar este camiño. Porque apoiar este equipo é tamén crer nun deporte que inclúe, que emociona e que nos fai mellores como sociedade.

💙 Seguimos animando, acompañando e celebrando cada paso deste gran equipo.