PROXECTO PERSOAS

 

 

A Fundación Breogán, en colaboración coa Área de Deportes da Deputación de Lugo, impulsa a IV edición do Proxecto Persoas, unha iniciativa social e inclusiva que ofrece a persoas menores con discapacidade a oportunidade de practicar baloncesto en condicións adaptadas ás súas necesidades.

O proxecto desenvólvese na pista principal do Pazo dos Deportes, nun espazo totalmente accesible e equipado con material especializado. As sesións contan cun equipo profesional formado polas adestradoras Raquel Asensio e María Piñeiro, educadora social, xunto con Javier Casal “Tachi”, e co valioso apoio do voluntariado das entidades colaboradoras Afalu Alzheimer, Dano Cerebral Lugo, USC, Raiolas e o CEE Santa María.

As actividades inclúen adestramentos semanais, encontros con xogadores do C.B. Breogán, asistencia a partidos e unha exhibición final, favorecendo a convivencia, a participación e os valores do deporte como ferramenta de inclusión.

Os adestramentos celébranse todos os xoves de 16:00 a 17:00, de outubro a xuño, organizados en grupos segundo idade e nivel de autonomía. O proxecto busca mellorar o desenvolvemento motor, reforzar a autoestima e impulsar a integración social das persoas participantes.

Un exemplo de compromiso e igualdade de oportunidades a través do baloncesto.

Formulario de inscrición 25/26

Novas das actividades do ano 2025 facendo click aquí

 

Volta aos adestramentos - 8 de xaneiro de 2026
Despois das vacacións de Nadal, volvemos poñer en marcha o Proxecto Persoas. Imos a por un novo ano cheo de encontros, aprendizaxes e camiños compartidos.
Regresamos coa mesma enerxía, ilusión e alegría de sempre, con ganas de seguir acompañando e creando comunidade.
Seguimos!
Gravitty xoga con nós
Recibimos no Proxecto Persoas unha nova visita moi especial .

Unha representación das rapazas de Gravitty Lugo compartiu con nós unha sesión de adestramento, na que o deporte volveu ser unha ferramenta para conectar, aprender e gozar xuntos.
Entre pases, risas e bo ambiente, demostraron que o baloncesto tamén se lles dá estupendamente.
Grazas a Gravitty por achegar a vosa paixón ao noso Proxecto, por apostar pola inclusión e por demostrar que a diversidade é unha forza que nos fai mellores.