AROS
“Todos temos un aro que alcanzar”
O Proxecto AROS aspira a mellorar a calidade de vida das persoas participantes, reforzar a súa autonomía e autoestima, e contribuír activamente á sensibilización social sobre a capacidade e o potencial das persoas con capacidades diferentes.
AROS é un novo proxecto da Fundación Breogán, en colaboración con COGAMI, que verá a luz en 2025. Trátase dunha proposta social e inclusiva dirixida a persoas adultas con discapacidade, co obxectivo de ofrecerlles, a través do baloncesto, unha ferramenta de integración, desenvolvemento persoal e benestar físico e emocional.
O nome AROS encerra unha rica simboloxía que reflicte a esencia do proxecto: unión, igualdade, superación e continuidade. O baloncesto convértese así nun vehículo de transformación persoal e social, ao tempo que promove valores de cooperación, esforzo e pertenza.
Este proxecto representa a evolución natural de Persoas, iniciativa previa da Fundación orientada a menores con discapacidade, ampliando agora o seu alcance a un público adulto tradicionalmente sen opcións específicas no eido deportivo.
Durante o mes de xuño, levaranse a cabo tres adestramentos piloto, que servirán como punto de partida para perfilar o proxecto. A posta en marcha oficial terá lugar á volta do verán, coincidindo co comezo do novo curso escolar.
Obxectivos principais:
-
Fomentar a inclusión social a través do deporte en equipo.
-
Promover a actividade física e mental como fonte de saúde e benestar.
-
Impulsar a superación persoal e o desenvolvemento de habilidades sociais.
-
Construír comunidade e redes de apoio entre participantes, familias e contorno.
O proxecto AROS nace coa forza dun símbolo: o aro como círculo que nos envolve, que nos une e que nunca queda incompleto ata que o pechamos entre todos.
Tras unha primeira fase piloto no mes de xuño, demos os primeiros pasos confirmando o valor e o potencial da iniciativa. Agora avanzamos con decisión, abrindo o proxecto a tres vertentes fundamentais, que representan camiños diferentes pero complementarios cara á inclusión, á esperanza e ao futuro.
As tres vertentes de AROS:
AROS Vida
Un espazo para a inclusión, a participación e a diversidade.
Aquí, o deporte convértese nunha linguaxe universal onde todas as persoas teñen cabida, independentemente das súas capacidades.
En colaboración con COGAMI Lugo, AROS Vida é o recordatorio de que cada quen leva consigo unha vida que suma e que merece ser compartida desde o movemento e a convivencia.
AROS Luz
Esta vertente representa a claridade e a esperanza que nacen do acompañamento.
Xunto con Raiolas Lugo e Dano Cerebral Lugo, AROS Luz busca ofrecer apoio a persoas e familias que afrontan realidades complexas, promovendo espazos de recuperación, integración e benestar.
É unha luz que guía e que lembra que nunca se está só no camiño.
AROS Futuro
O futuro constrúese hoxe.
Esta vertente pon o foco nas persoas en etapa de desenvolvemento, acompañándoas no seu crecemento, formación e inclusión social.
En colaboración con Down Lugo, AROS Futuro é confianza no porvir: persoas con todo por diante, con dereito a soñar e a avanzar no deporte, na sociedade e na vida.
O Proxecto AROS é moito máis ca deporte: é un círculo de valores, de colaboracións e de compromisos que se pechan grazas á unión entre entidades, familias e persoas.
Con AROS seguimos a trazar unha mensaxe clara:
Porque todos temos un Aro que alcanzar.