Novas

Fundación Breogán e ASPNAIS: xogando pola inclusión

Hai proxectos que nos inspiran, que nos lembran o verdadeiro sentido do deporte: unir, incluír e facer comunidade. Por iso, desde a Fundación Breogán temos a sorte de anunciar unha nova colaboración con ASPNAIS Lugo, prestando apoio ao seu equipo de baloncesto Special Olympics.

ASPNAIS leva desde 1966 traballando polo dereito das persoas con discapacidade intelectual a unha vida plena, integrada e digna. Ao longo destes anos convertéronse nun referente en inclusión social, educativa e laboral, ofrecendo oportunidades reais e mellorando a calidade de vida de persoas e familias.

O seu equipo de baloncesto é moito máis ca un proxecto deportivo: é un espazo de crecemento, amizade, esforzo compartido e superación. Un exemplo vivo de como o deporte pode derrubar barreiras e xerar novas formas de convivencia.

Desde a Fundación Breogán sentimos orgullo de acompañar esta iniciativa, convencidos de que apoiar o Special Olympics de ASPNAIS é tamén apostar por unha sociedade máis aberta, solidaria e xusta.

🤝 Seguimos sumando inclusión, deporte e comunidade