Breoganismo con maiúsculas
Nesta nova entrega de Voces da Fundación, conversamos con Erik Quintela, capitán do C.B. Breogán e lucense de corazón. A través das súas palabras coñecemos a súa visión persoal sobre o impacto da Fundación Breogán dentro e fóra da pista, o valor emocional de proxectos como o Cris Seijo, e como a acción social do club contribúe a crear comunidade, identidade e novos siareiros. Unha reflexión sincera, próxima e chea de sentimento breoganista.
Como lucense e capitán do CB Breogán, que significa para ti a Fundación Breogán?
A Fundación Breogán é o instrumento perfecto que ten o Breo para conectar ca cidadanía e devolver todo o agarimo e apoio que nos levan brindando anos.

En que momentos da túa carreira sentiches máis de preto o traballo da Fundación?
Hai moitas iniciativas da Fundación que me gustaron e me gustan, especialmente as que teñen o obxectivo de axudar aos máis necesitados, aínda así unha de elas, polo seu significado emocional, é a que máis me gustou ou máis ilusión me fixo é o “Proxecto Cris Seijo”. Tiven a sorte de compartir un adestramento coas mulleres que estaban presentes neste proxecto, e dalgunha maneira foi como pechar un círculo. Eu comecei a xogar a baloncesto con Cris e de non ser por ela hoxe non estaría onde estou.
Ti que coñeces ben a afección e a cidade, cres que os proxectos da Fundación fan medrar ese sentimento de pertenza?
Por suposto, o orgullo que supón ver ó teu club traballando para mellorar a vida da xente da cidade non ten prezo. Diría incluso que non é so que medre o sentimento de pertenza dos siareiros, se non que se fan moitos siareiros novos que se sinten identificados coa forma de actuar da institución.

Hai algún momento vivido coa Fundación que che quedara gravado? Algún que che emocionase especialmente?
Hai moitos, quizá ningún por riba dos demáis pero moitos momentos vividos que sempre recordarei. Un deles pode ser a primeira vez que asistín a “Basket na rúa” e vin a morea de rapaces que acudían coa ilusión de xogar a basket e poder recibir os agasallos e as firmas dos seus ídolos. Tamén en “Luz ao deporte” cando Sergi e eu repasamos a nosa traxectoria xunto a centos de rapaces de centros lucenses e que podían ver en nos un espello onde mirarse.
A Fundación Breogán é o instrumento perfecto para conectar coa cidadanía
Que lle dirías a alguén de Lugo —ou de fóra— que aínda non coñece o labor da Fundación Breogán?
Pois animaríalle a seguir as RRSS da Fundación para que foran conscientes de todo o traballo que se fai axudando á xente que o necesita e promovendo o breoganismo, e despois diríalle que pode ser parte de eso dende 42€ o ano ou colaborar como voluntario nas actividades que fan, e unha forma xenial de estar máis ligado ao Club.


Queremos agradecer profundamente a Erik Quintela a súa colaboración, a súa dispoñibilidade e, sobre todo, o seu exemplo constante de compromiso coa cidade, co Club e con todas as persoas que forman parte desta gran familia. Grazas por poñer voz ao que sentimos moitas e moitos.