Hoxe recibimos no Pazo dos Deportes a dúas lendas do breoganismo: Manuel Fernández Rey “Pirulo” e Miguel Moure Bourio.
Miguel Moure Bourio, un dos fundadores do CB Breogán xunto cos irmáns Varela-Portas, formou parte do equipo histórico que logrou o primeiro ascenso á Primeira División Nacional, un fito que marcou o inicio da historia grande do club.
Daquela formación tamén formaba parte Manuel Fernández Rey “Pirulo”, lucense de nacemento e de corazón, protagonista daquel ascenso de 1970, no que o Breogán se proclamou campión do Grupo A de Segunda División antes de disputar a final fronte ao Manresa. Pirulo, ademais, foi tamén adestrador, deixando a súa pegada dentro e fóra da pista.

Hoxe, no Pazo, tamén estivo presente Tito Díaz, outra lenda que, como non podía ser doutro xeito, terá proximamente o seu espazo en Memoria Celeste.
Os nenos e nenas de 5º de Primaria do CPI Dr. López Suárez de Friol, participantes no proxecto Pazo Aberto da Fundación Breogán e Proxecto de Bana, non poderían ter hoxe mellores guías nin exemplos no seu percorrido polo Pazo.



💫 MEMORIA CELESTE. As nosas lendas, a nosa historia.