GUITIRIZ

 

“MÁIS QUE BASKET NO RURAL”, setembro 2026 a xuño 2027

 

 

A Fundación Breogán impulsa Máis Que Basket no Rural, un programa que nace coa vontade de achegar o deporte e os seus valores a todos os recunchos da provincia, creando novas oportunidades de participación para a mocidade e fomentando hábitos de vida saudables a través da actividade física.

A iniciativa combina a práctica regular do baloncesto cun enfoque educativo e social, entendendo o deporte como unha ferramenta de formación integral. A través de adestramentos, actividades complementarias e experiencias vinculadas ao deporte profesional, o programa busca promover valores como o esforzo, o respecto, o compañeirismo, a igualdade e a superación persoal.

Máis Que Basket no Rural pretende contribuír ao desenvolvemento da mocidade, fortalecer o tecido social das comunidades e favorecer a creación de espazos de convivencia activos e saudables. Un proxecto que vai máis alá da práctica deportiva para converterse nunha experiencia de aprendizaxe, crecemento e ilusión compartida.

Porque o deporte é moito máis ca un xogo. É unha oportunidade para educar, inspirar e construír futuro.

 

 

 

Adestramentos setembro 2026

Onte celebramos a primeira sesión de Máis Que Basket no Rural en Guitiriz, unha xornada moi especial na que os rapaces e rapazas participantes coñeceron á súa nova adestradora, Iria Miragaya, e comezaron a dar os primeiros pasos desta nova aventura deportiva.

Queremos agradecer ao Concello de Guitiriz a súa confianza neste proxecto e, especialmente, a todos os nenos e nenas participantes pola súa ilusión, enerxía e entusiasmo desde o primeiro minuto. 🏀

📅 Vémonos de novo a próxima semana!

Related Projects