Onte presentamos oficialmente a 1ª Liga de Boccia · Concello de Lugo, un proxecto pioneiro impulsado pola Fundación Breogán que converterá o deporte inclusivo nun novo espazo de encontro, participación e convivencia para asociacións e colectivos da nosa cidade.

Unha competición que se desenvolverá ao longo da tempada 2026/2027 e que reunirá a preto de 20 equipos nunha iniciativa que nace coa vocación de consolidarse como un referente do deporte adaptado en Lugo.
Foi unha xornada moi especial na que tivemos a honra de contar coa presenza da madriña desta primeira edición, Hilda Rodríguez, unha das grandes referencias da boccia a nivel estatal e internacional. Primeira medallista paralímpica galega, conta cun extraordinario palmarés que inclúe dous ouros paralímpicos, 51 medallas de ouro, 14 de prata, 10 de bronce e a Medalla Castelao, entre moitos outros recoñecementos.



O seu exemplo de esforzo, superación e compromiso co deporte converteuna na mellor persoa posible para acompañarnos neste ilusionante camiño que hoxe comeza.
Grazas a todas as asociacións, entidades, representantes institucionais e persoas asistentes por acompañarnos nesta presentación.
Patrocina: Concello de Lugo
Colabora: LECER_AV