Onte puidemos retomar a Experiencia Breogán adicada a Prodeme, grazas á colaboración de Ibersys, tras o aprazamento de hai unhas semanas.
Acompañados por Darrun Hilliard, xogador do C.B. Breogán, e de Pablo Duarte, fisioterapeuta do equipo, visitamos as instalacións de Prodeme en Monforte de Lemos. A visita estivo guiada polos seus responsables, Julio Cortiñas e Javier Cortiñas, que nos achegaron ao gran labor que realizan cada día.
Con máis de 40 anos de traxectoria, Prodeme traballa incansablemente na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, ofrecendo apoio, oportunidades e unha comunidade na que poder medrar e desenvolverse plenamente. O seu compromiso e dedicación son un exemplo para todos nós.
Desde a Fundación Breogán queremos agradecer a acollida e felicitar a todas as persoas que forman parte desta asociación polo seu impresionante traballo. Sodes un auténtico orgullo!