Novas

Experiencia Breogán – Visita á Protectora de Animais

Esta mañá vivimos unha xornada moi especial na Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo dentro da 3ª Experiencia Breogán de 2026.

Acompañados polo xogador do Río Breogán, Artūrs Kurucs, e polo fisioterapeuta Mauro Nogueira, compartimos unha mañá chea de vivencias, compromiso e cariño polo benestar animal.

Xunto á nosa empresa benefactora, Albia Funeraria Fernández, representada pola súa xerente Belén Ramos e pola responsable comercial Noelia Sánchez, puidemos coñecer de preto o enorme traballo que realiza diariamente o equipo da Protectora, da man do seu director, Alberto Losada.

Detrás de cada animal hai unha historia, e detrás de cada historia hai persoas que dedican o seu tempo, esforzo e cariño a darlles unha segunda oportunidade.