A segunda e terceira fase da Experiencia Breogán, que esta semana adicamos ao TALLER DAULLOA, tiveron lugar o pasado sábado no Pazo dos Deportes.
Unha tarde intensa e emocionante que comezou a primeira hora da tarde, cando o Director da Fundación Breogán, Salva Arco, recibiu a unha representación de usuarios do Taller Daulloa para realizar o xa famoso “Tour do Pazo”.
Acompañados por Javier Rey Feijoo, monitor; Mirta Flores Cuesta, terapeuta ocupacional; Nagari López López, traballadora social e Silvia González Sánchez, voluntaria, a expedición fixo un percorrido por tódalas dependencias do Pazo dos Deportes de Lugo.
Ximnasio, Sala de Prensa… etc, pero unha das cousas que máis chamou a atención dos nosos convidados atopábase no vestiario: a todos eles e elas chamóulles poderosamente a atención o tamaño das zapatillas dos xogadores do C.B. Breogán.
Como remate da visita estivemos na zona dos trofeos, na que o xefe de prensa do Breo, Marcos Fernández lles contou unha breve historia de todos eles.
Para pechar por todo o alto esta Experiencia Breogán da man do PAZO DE VILANE, a representación do Taller Daulloa presenciou e gozou do encontro fronte ao Gran Canaria desde o palco VIP da Fundación Breogán.
Tamén foron moitos os espectadores que se achegaron ata o posto habilitado no EsPazo Fundación, que tiveron a oportunidade de comprobar en directo a calidade e orixinalidade dos productos confeccionados pola asociación.
Convidámosvos a seguir o seu traballo en: tallerdaulloa.wordpress.com
No descanso entre o 1º e 2º cuarto Juan Pedro Sánchez en representación de Pazo de Vilane e Alfonso Orol, Patrono da Fundación Breogán fixeron entrega no medio da pista dun balón e unha camiseta, os dous asinados polos xogadores e corpo técnico do C.B. Breogán e un recoñecemento á asociación que recibiu Javier Rey, Monitor do Taller Daulloa.
Agardamos que gozárades da experiencia tanto coma nós. Foi un auténtico pracer coñecer a vosa asociación e un privilexio compartir esta semana con xente tan comprometida e agarimosa.