Novas

“Grazas A-Vós” – Taller 21/06/24

O pasado venres celebramos a penúltima sesión de estimulación cognitiva desta tempada do proxecto Avós, que leva a cabo a Fundación Breogán. Esta parte do proxecto, complementado coa parte física, contou coa colaboración das residencias públicas da terceira idade da Xunta de Galicia en Lugo, As Gándaras e A Milagrosa.

A petición dos usuarios, as encargadas de levar a cabo a charla foron Marta, Carla e Sara, estudantes do grao de psicoloxía na UNED, quen baixo a dirección de Luis Abel Taboada, Director da Fundación Breogán, acompañáronnos durante estes meses cheos de aprendizaxe e crecemento.

A charla virou ao redor dun tema fundamental: a intelixencia emocional. Durante esta sesión, exploramos que é a intelixencia emocional, como recoñecer os distintos tipos de emocións e a importancia crucial dunha xestión adecuada das nosas emocións para o autocoñecemento e a empatía. Aprender a poñernos no lugar dos demais é esencial para construír relacións máis fortes e significativas.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Marta, Carla e Sara pola súa dedicación, coñecemento e o agarimo co que realizaron esta sesión. O voso esforzo deixou pegada na vida dos nosos avós e avoas, e por iso, estamos profundamente agradecidos.

Aos nosos maiores, grazas por participar con tanto entusiasmo e por ensinarnos tanto cada día.

Voltaremos o vindeiro venres, para pechar definitivamente o curso 23/24 do proxecto A-Vós.