Novas

Peche do Taller de Mellora da Condición Física do Proxecto A-Vós

Onte luns celebramos o último taller de mellora da condición física do proxecto A-Vós nas residencias da terceira idade da Xunta de Galicia da Milagrosa e de As Gándaras.

Desde o mes de marzo, cando iniciamos as actividades, o persoal da Fundación Breogán destinado a este proxecto: Álex, o preparador físico, Chisco, o adestrador, e Adrián, encargado do material e da loxística, ofreceron aos nosos avós e avoas unha variedade de actividades e xogos deseñados para promover un envellecemento activo e saudable.

A resposta dos nosos maiores sempre foi incrible. Coa súa enerxía e entusiasmo, demostráronnos que son uns auténticos campións e campioas, cheos de vitalidade, humor e ganas de gozar. Cada sesión foi unha proba da súa forza e determinación, inspirándonos a todos co seu espírito inquebrantable.

Despedímonos desta etapa do proxecto co corazón cheo de agradecemento e admiración. Agradecemos aos responsables e traballadores/as das residencias pola súa colaboración, e aos nosos avós por participar con tanto entusiasmo.

Botarémosvos moito de menos. Coidádevos moito e gozade dun merecido e feliz verán.