Novas

II Edición “Grazas A-Vós” – 9/10/24

Hoxe arrincamos a segunda tempada do Proxecto Avós.

Esta mañá demos comezo a unha nova etapa do Proxecto Grazas A-vós, un programa dedicado a mellorar o benestar dos avós das residencias públicas da Xunta de Galicia en Lugo, As Gándaras e A Milagrosa.

Volvemos a compartir momentos moi emotivos cos nosos maiores. Durante a xornada de hoxe, realizamos unha sesión de avaliación física para comprobar como se coidaron durante o parón estival. Énchenos de satisfacción ver que están coma buxos e preparados para afrontar unha nova tempada.

O noso equipo, formado polo preparador físico Álex Martín e a adestradora Nerea Vieites, xunto ao Director da Fundación, Luis Abel Taboada, acompañou aos nosos avós neste reencontro, no que os sorrisos e a ilusión foron protagonistas. Botabámosvos moito de menos!

Seguimos comprometidos co seu benestar a través de talleres de estimulación cognitiva e actividade física, grazas á colaboración da Xunta de Galicia.