Novas

Memoria Celeste – Xavi Roca e Suso Fdez. en Experiencia Breogán

Nesta nova parada de Memoria Celeste, vivimos outra xornada especial dentro da Experiencia Breogán, da man de tres protagonistas que forman parte da nosa historia: Xavi Roca, Suso Fernández e Antonio Seral, que nos acompañou novamente nesta emocionante viaxe pola memoria breoganista.


XAVI ROCA

Base de carácter e talento, debutou na ACB co Breogán na tempada 89-90 e disputou 72 partidos na máxima categoría, todos en Lugo, cun promedio de 5,6 puntos en 19 minutos. A súa carreira estivo condicionada por graves problemas de xeonllo que o levaron a retirarse antes dos 30, algo que lle “fastidiou moito”.
O baloncesto trouxoo a Galicia… e Galicia quedou con el: en Lugo formou a súa vida e o seu fogar, demostrando unha vez máis a forza dos lazos que crea o breoganismo.

Liga ACB 1991-92 George Singleton (TDK Manresa) e Xavi Roca (DYC Breogan)

Plantilla do Breogán da tempada 1984-85, na que o equipo regresou á primeira categoría pola porta grande: acabou sétimo na segunda fase e superou unha eliminatoria polo título.  PEINÓ – La Voz de Galicia

SUSO FERNÁNDEZ

Lucense de nacemento, Suso foi un escolta moi querido no baloncesto galego, un xogador valente e carismático. Vestiu a camiseta celeste durante tres tempadas en ACB, con 55 partidos e unha media de 5,6 puntos en 18 minutos.
Formou parte da histórica aventura europea da Copa Korac 1985-86, que lembra con cariño: “éramos un club recentemente ascendido, pero competimos relaxados, sen presión; iamos gozar”.


Sempre sincero, lamenta que “o baloncesto perdeu romanticismo” fronte a aqueles tempos nos que todo se vivía cunha ilusión distinta.

💙 Dúas lendas máis que seguen alimentando a nosa memoria colectiva.


As nosas Lendas, a nosa Historia.