Queremos compartir convosco que neste mes de decembro finaliza a colaboración da Fundación Breogán co equipo de baloncesto adaptado en cadeira de rodas Fundación Breogán Diversia. E non podemos estar máis orgullosos do camiño percorrido xunto con Xuncas Diversia durante este tempo. Foron 10 meses de moito traballo, implicación e de ser testemuñas dunha progresión inimaxinable cando iniciamos esta andaina. Quixemos dotar ao equipo dunha estructura, tanto a nivel organizativo como económica sólida, darlle a visibilidade que merece e sentar as bases dun proxecto de futuro.
Agora toca despedirnos desta etapa, pero a continuidade do equipo está garantida e cremos firmemente no potencial e na forza dos seus compoñentes. Porque non só se creou un equipo de baloncesto, durante este tempo formouse unha pequena familia que vai moito máis alá do deporte. Unha familia onde todos teñen cabida e onde todos son importantes.
Agradecemos a cada membro do equipo a súa dedicación, esforzo, entrega e ilusión, aos adestradores Karol e Jose, posto que sen a súa implicación e coñecemento sobre este deporte nada disto sería posible, e tamén agradecemos a Xuncas Diversia que nos permitise ser parte dun proxecto tan fermoso, necesario e útil para a nosa sociedade.
O futuro do equipo é brillante, e desexámoslles todo o éxito nesta nova fase. Nós, seguiremos apoiando tódalas iniciativas que fagan un mundo máis xusto e onde todos teñamos as mesmas oportunidades, e, por suposto, seguiremos estando ao voso carón cando sexa necesario.
Grazas!