Desde a Fundación Breogán queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao Colexio Oficial de Dentistas de Lugo polo nomeamento da nosa entidade como Institución de Honra, unha distinción que recibimos con orgullo, responsabilidade e enorme gratitude.
Este recoñecemento supón un impulso para continuar co noso compromiso social e co noso labor en favor do benestar da comunidade lucense, empregando o deporte e os seus valores como ferramentas de inclusión, educación e transformación social.
É unha honra que o presidente da Fundación Breogán, D. Narciso Fernández Iturrospe reciba a Medalla de Honra nun acto institucional que terá lugar o vindeiro 31 de xaneiro, e un privilexio poder compartir este momento con institucións e profesionais que traballan, coma nós, polo progreso social da nosa cidade.
Agradecemos tamén a disposición do Colexio Oficial de Dentistas de Lugo para seguir colaborando en futuras iniciativas conxuntas, convencidos de que o traballo en rede é esencial para construír unha sociedade máis xusta, solidaria e comprometida.
💙 Grazas por confiar na Fundación Breogán.
