Novas

Voces da Fundación – Marta

A voz do compromiso silencioso: Marta no Proxecto A-vós

En Voces da Fundación damos espazo tamén ás persoas que, con xestos cotiáns e cheos de humanidade, fan posible que os nosos proxectos medren e cheguen máis lonxe. Marta é unha delas.
Estudante de Psicoloxía na UNED e voluntaria no Proxecto A-vós, chegou á Fundación Breogán a través dun programa universitario e quedou por elección propia. Nesta conversa achéganos a súa visión sobre a experiencia de acompañar, escoitar e aprender das persoas maiores, e do valor de dar sen esperar nada a cambio.

Como comezou a túa relación coa Fundación Breogán?
A miña vinculación coa Fundación Breogán xurdiu grazas á UNED, onde estou a estudar Psicoloxía. A través dun programa de Aprendizaxe e Servizo (ApS), propuxéronnos colaborar nun dos proxectos que desenvolve a Fundación, concretamente no Proxecto A-vós, centrado no acompañamento e dinamización en centros de maiores. Ao principio era parte dunha actividade académica, pero axiña se converteu en algo persoal. Alí decateime do moito que significaba esta experiencia tanto para min como para as persoas ás que acompañamos.

Que significa para ti formar parte da Fundación Breogán?
Formar parte da Fundación Breogán é, para min, unha forma de contribuír con algo propio ao benestar colectivo, especialmente aquí, en Lugo, a miña cidade. É sentir que estás a facer algo útil, ofrecendo o teu tempo, a túa compañía ou mesmo os teus coñecementos para mellorar, na medida do posible, a calidade de vida doutras persoas. Cada pequena achega conta, e saber que estás formando parte dun proxecto que transforma vidas dende o respecto e a humanidade é algo moi gratificante.


Que che aportou persoalmente esta experiencia?
Foi unha oportunidade única para poñer en práctica, por primeira vez, os coñecementos que fun adquirindo ao longo da carreira. Pero máis aló do académico, foi especial a nivel humano. Durante as sesións nos centros de maiores aprendo moitísimo, tanto sobre psicoloxía como sobre as persoas e as súas historias de vida. Ademais, coñecín xente marabillosa, tanto entre os compañeiros da Fundación Breogán como entre os residentes. Esa parte emocional é difícil de describir, pero queda moi presente.

Hai algún momento que recordes con especial cariño?
Si, sen dúbida unha das experiencias máis bonitas foi cando, xunto coas miñas compañeiras, preparamos unha charla sobre educación emocional para os residentes. A proposta naceu do seu propio interese polo tema, o que xa nos pareceu moi valioso. Preparala foi un proceso enriquecedor, e ver logo o seu interese, as súas preguntas e a súa participación foi realmente emocionante. Foi unha mostra clara de que o intercambio é mutuo: nós ofrecemos algo, pero tamén recibimos moito.

Sentir que estás a facer algo útil, ofrecendo o teu tempo, a túa compañía ou mesmo os teus coñecementos para mellorar, na medida do posible, a calidade de vida doutras persoas.

Que valores cres que definen á Fundación Breogán?
Se tivese que destacar algúns valores fundamentais da Fundación, sen dúbida serían a cooperación, o respecto polos demais, a sensibilidade ante os problemas sociais e o coidado polas persoas. Todo o que se fai parte dunha base ética moi clara: estar preto da xente, escoitar, acompañar e actuar con compromiso real. Iso nótase en cada proxecto e en cada persoa que forma parte deste equipo.

 

Que lle dirías a alguén que está pensando en colaborar coa Fundación?
Animaría a calquera persoa a dar ese paso. A colaboración coa Fundación Breogán é unha experiencia profundamente enriquecedora, tanto a nivel persoal como profesional. A través do teu tempo e do teu compromiso podes xerar un impacto social moi positivo. E todo iso vólvese a ti en forma de aprendizaxes, emocións compartidas e momentos inesquecibles. É unha maneira marabillosa de crecer e de contribuír a unha sociedade máis xusta e humana.


Grazas, Marta, pola túa entrega, pola túa voz serena e polo compromiso co que sementas humanidade en cada xesto. Testemuñas coma a túa dan sentido ao que facemos e inspírannos a seguir camiñando con esperanza e solidariedade.