Experiencias en primeira persoa
Con Voces da Fundación queremos achegarche as historias, testemuñas e emocións de quen fai posible o noso labor.A través das súas voces, coñecerás de primeira man o impacto real dos nosos proxectos: participantes que atoparon novas oportunidades, profesionais e voluntarios que entregan o seu tempo e dedicación, e socios benefactores que fan que todo isto sexa posible. Cada testemuño é unha mostra do que podemos conseguir xuntos. Queremos que esta campaña non só che emocione, senón que tamén che inspire a ser parte do cambio.
Entrevista con Paula, voluntaria do Proxecto Persoas.
Paula é estudante de Educación Infantil en Lugo e, desde hai un tempo, forma parte do equipo de voluntariado da Fundación Breogán no Proxecto Persoas. A súa paixón polo deporte e a educación fixérona involucrarse nunha iniciativa que busca a inclusión e o crecemento persoal a través do baloncesto. Hoxe, compartimos a súa experiencia en Voces da Fundación.
Que significa para ti formar parte da Fundación Breogán e como é a túa vinculación con ela?
Para min, ser parte da Fundación Breogán é moito máis que unha experiencia de voluntariado; é unha oportunidade para crecer persoal e profesionalmente. Participo no Proxecto Persoas como voluntaria, e cada semana convértese nunha aprendizaxe constante. Desde o primeiro día sentín que formaba parte dunha gran familia, na que cada pequeno xesto conta e cada sorriso ten un valor inmenso. O contacto cos participantes e co resto do equipo fai que cada sesión sexa especial.
Como describirías o impacto da Fundación Breogán no teu ámbito de traballo ou na túa vida?
O impacto da Fundación Breogán na miña vida é moi positivo. Como estudante de Educación Infantil, poder compartir tempo coas persoas participantes no Proxecto Persoas achegoume unha visión práctica e moi enriquecedora do traballo coa diversidade. Ver de preto como o deporte pode transformar vidas, mellorar habilidades sociais e potenciar a autoestima é algo que me motiva aínda máis a seguir esta traxectoria. Ademais, aprendín que pequenos esforzos colectivos poden xerar grandes cambios.
Hai algunha historia ou momento especial que viviras dentro da Fundación que che marcara especialmente?
Lembro con especial cariño o meu primeiro día no Proxecto Persoas. Cheguei con algo de nervios, sen saber exactamente que esperar, pero en canto entrei na pista, todas as miñas dúbidas desapareceron. O equipo da Fundación e os participantes recibironme cos brazos abertos, cunha naturalidade e agarimo que me fixeron sentir en casa dende o primeiro minuto. Esa calidez inicial foise reforzando en cada sesión e fixo que esta experiencia sexa unha das máis gratificantes que vivín.
O deporte aquí convértese nun vehículo de integración, de aprendizaxe e de superación persoal.
Que cres que fai especial os proxectos da Fundación Breogán en comparación con outras iniciativas?
O que fai especial á Fundación Breogán é o seu enfoque no deporte como ferramenta de inclusión. Non se trata só de xogar ao baloncesto ou de practicar exercicio físico, senón de crear un espazo no que todas as persoas teñan cabida, independentemente das súas capacidades ou circunstancias. Para min, que sempre fun unha apaixonada do baloncesto e do deporte en xeral, formar parte dunha iniciativa que combina estes valores é algo moi especial.
Que lle dirías a alguén que está pensando en facerse socio benefactor da Fundación?
Diríalle que non o dubide. A Fundación Breogán está desenvolvendo proxectos extraordinarios que cambian vidas, e ser socio benefactor significa formar parte dese cambio. Cada achega, por pequena que pareza, tradúcese en máis oportunidades para que nenos, mozos, maiores e persoas en situación de vulnerabilidade poidan beneficiarse destas iniciativas. Ademais, apoiar á Fundación é apostar por unha sociedade máis inclusiva, máis xusta e máis solidaria. Eu mesma vexo a transformación que estes proxectos xeran en moitas persoas e sei que, con máis apoio, podemos chegar aínda máis lonxe.

Grazas, Paula, por compartir a túa experiencia con nós! A túa paixón e compromiso son un reflexo do espírito da Fundación Breogán.
Se ti tamén queres formar parte desta comunidade, como voluntario/a, socio/a benefactor/a ou colaborador/a, visita a nosa web e descobre como podes axudar a construír un futuro máis inclusivo a través do deporte.