A semente da Fundación Breogán
Voces da Fundación volve cunha entrevista moi especial. Nesta serie, poñemos o foco en persoas que, dun ou outro xeito, forman parte do corazón da Fundación Breogán.

Nesta ocasión, a voz é a de Salva Arco, Director Xeral do CB Breogán e primeiro Director da nosa Fundación. Coa súa visión clara, o seu compromiso firme e unha traxectoria que une o deporte co labor social, Salva ofrece unha reflexión profunda sobre os inicios, a evolución e o impacto da Fundación Breogán. Desde a súa implicación fundacional ata o seu orgullo polo traballo actual, a súa voz é testemuña viva do que significa facer do baloncesto unha ferramenta de transformación social. Falamos de proxectos que emocionan, de persoas que deixan pegada e do valor que ten formar parte dunha iniciativa que vai moito máis alá do deporte. Unha conversa que nos reconcilia co esencial: estar preto da xente, transformar vidas e construír comunidade.

Como foi o teu vínculo coa Fundación Breogán desde os seus inicios e que significa para ti ver a súa evolución?
A miña vinculación coa Fundación Breogán nace desde o minuto cero, onde se me permitiu crear desde cero unha entidade segundo a visión que tiña do que era o Breoganismo e as súas necesidades sociais. Foi unha etapa chea de ilusión e compromiso, na que puxemos en marcha un proxecto co obxectivo de que o Breogán puidese devolverlle á sociedade todo o agarimo que recibe. Para min, ademais, a Fundación xogou un papel fundamental na miña transición do baloncesto profesional ao mundo laboral. Poder dar ese paso dentro dunha entidade con tanta transcendencia social foi unha auténtica sorte, tanto a nivel persoal como profesional. Ver agora a súa evolución é un motivo de orgullo: a Fundación medrou, consolidouse e segue ampliando a súa rede de acción. Iso demostra que o proxecto non só tiña sentido, senón que era necesario, porque está a cubrir espazos sociais que durante anos estiveron desatendidos.
Que papel cres que xoga a Fundación Breogán no contexto do baloncesto e da sociedade lucense en xeral?
A Fundación Breogán xoga un papel esencial como nexo entre o deporte e a realidade social da nosa contorna. A súa forza reside en utilizar o baloncesto como ferramenta para xerar impacto real: educativo, emocional e social. Vai moito máis alá do ámbito deportivo, estando presente en colexios, entidades sociais, barrios e centros onde hai necesidades moi concretas. É un axente activo na construción dunha sociedade máis inclusiva, solidaria e comprometida, e iso é algo que toda cidade debería valorar e coidar.
Hai algún momento especial ou proxecto da Fundación que te emocionara especialmente?
Son moitos os momentos que levo gravados, pero sen dúbida proxectos como Proxecto Persoas, Experiencia Breogán ou Grazas a vós son iniciativas que tocan o corazón. Ver como as persoas maiores das residencias reviven momentos de felicidade grazas ao baloncesto ou como colectivos vulnerables se senten protagonistas por un día no Pazo é algo que non ten prezo. Son experiencias que definen a verdadeira esencia da Fundación: estar preto da xente, poñer en valor a dignidade das persoas e crear lembranzas que perduran no tempo.
Se queres formar parte dun movemento que transforma vidas desde o corazón e o compromiso, este é o lugar.
Desde a túa perspectiva, que fai diferente á Fundación Breogán doutras iniciativas similares?
O que realmente diferencia á Fundación Breogán é a súa autenticidade e a súa conexión directa coa cidade. Nace do sentimento dun club e dunha afección profundamente arraigada no tecido social lucense. A iso hai que sumarlle un elemento clave: o equipo humano. A día de hoxe, a Fundación conta cun director como Luis Abel Taboada, que colleu o relevo cunha gran visión e está a facer un traballo excepcional, ampliando horizontes e mantendo firme a súa esencia. E non podo deixar de mencionar a Adrián Gómez e Ricardo Hermida, que forman parte da Fundación desde os seus inicios e que foron, sen dúbida, pezas fundamentais no seu desenvolvemento e no bo facer diario. A profesionalidade, a paixón e a implicación de todas estas persoas son o que fai da Fundación Breogán unha iniciativa única, coherente e con verdadeiro impacto social.


Que mensaxe lle enviarías ás persoas que queren apoiar a Fundación como socios, voluntarios ou colaboradores?
Animaría a todos a implicarse, porque apoiar á Fundación Breogán é apoiar á xente, é sumar para facer da nosa sociedade un lugar máis humano e consciente. Cada persoa que se achega, sexa como socio, voluntario ou colaborador, convértese nunha peza clave do proxecto. A Fundación necesita da forza colectiva para seguir medrando e chegando a máis xente. A mensaxe é clara: se queres formar parte dun movemento que transforma vidas desde o corazón e o compromiso, este é o lugar.
Grazas, Salva, por compartir con nós a túa historia, a túa visión e, sobre todo, por ser unha peza clave na orixe e consolidación da Fundación Breogán.
O teu compromiso e dedicación deixaron unha pegada fonda que segue a medrar día a día.
É un orgullo contar coa túa voz nesta viaxe que, como ti mesmo dixeches, naceu do corazón e segue latexando coa forza do Breoganismo.