Novas

Ocio e Deporte na Rúa – CEIP Sagrado Corazón 12/04/25

Deporte, educación e ocio saudable no CEIP Sagrado Corazón.

Esta mañá estivemos no CEIP Sagrado Corazón, dentro do programa +xTI promovido por @xuventudedeporteslugo do @concellolugo, unha iniciativa que busca achegar hábitos de vida activa e saudable á mocidade a través do deporte e o lecer.

A xornada comezou cunha divertida e dinámica sesión a cargo de Óscar Rodríguez Río (@phosko__), mestre de Educación Física no CPR de Cervantes, que conseguiu involucrar a todas e todos os participantes nun ambiente lúdico e formativo.

No xa clásico twoball, contamos coa presenza de rostros ben coñecidos, como o do Director Xeral do CB Breogán, Salva Arco, que participou acompañado do seu fillo maior, compartindo xogo, complicidade e paixón polo baloncesto coa rapazada.

Queremos agradecer especialmente á dirección do CEIP Sagrado Corazón pola súa colaboración e xenerosidade ao cedernos as instalacións, tendo en conta a choiva que nos acompañou durante estas últimas fins de semana. Sen dúbida, a súa disposición fixo posible o éxito da actividade.

Realizouse tamén un sorteo de invitacións dobres para o próximo encontro entre o CB Breogán e o Zaragoza, e os gañadores recibiron unhas fantásticas medallas artesanais grazas ao apoio de @oartesan3d

O programa de Ocio e Deporte Saudable nos barrios continúa o seu percorrido e volverá o venres 26 de abril cunha nova parada na Praza do Castiñeiro.

Agardámosvos a todas e todos para seguir compartindo xogo, deporte e valores! 💙