Máis aló do baloncesto: o valor humano do deporte
Na Fundación Breogán cremos que un valor importante dos nosos proxectos está nas persoas que os fan posibles. Nesta entrega de Voces da Fundación, coñecemos a experiencia de Álex, preparador físico e adestrador, que participa en proxectos fundamentais da nosa Fundación. A través da súa testemuña descubrimos como o deporte pode ser unha ferramenta de inclusión, benestar e transformación social.
En qué proxectos colaboras coa Fundación Breogán e cal é o teu papel dentro deles?
Colaboro con varios proxectos da Fundación. Un deles é o Proxecto Ícaro, que se desenvolve os martes. Alí achegamos o baloncesto a rapaces en risco de exclusión, pero tamén lles damos a oportunidade de probar outros deportes como o softball, o ping pong, o boxeo ou o rugby. A idea é que poidan descubrir que disciplina lles gusta máis e que participen activamente nun deporte, relacionándose con outros nenos e nenas da súa idade.
Tamén participo no Proxecto Grazas a-Vós, que vai xa pola segunda edición. Visitamos dúas residencias, a da Milagrosa e a das Gándaras. Alí facemos actividades físicas e tamén traballamos o aspecto psicolóxico. Eu encárgome sobre todo da parte física, xunto coas miñas compañeiras e con Nerea. Preparamos xogos e dinámicas para traballar a motricidade, a precisión e a mobilidade. Ademais, tratamos de facerlles máis amena a mañá. Son persoas moi agradecidas e sempre nos reciben con agarimo e sorrisos. É moi especial.
Outro proxecto no que estou implicado é o Proxecto Persoas, na súa terceira edición. Traballamos con mozos e mozas con capacidades diferentes, ofrecéndolles actividades centradas no baloncesto: ensinámoslles a botar, lanzar, pasar, e tamén facemos xogos para mellorar as súas habilidades. Este ano, grazas á Fundación, tamén estamos colaborando con outros grupos e entidades deportivas: natación, atletismo, o comité de árbitros… así que ademais do deporte, traballamos a integración, a mobilidade, a motricidade e outros aspectos que lles serven no día a día.
Por último, tamén estou no proxecto de Cris Seijo, onde me encargo da preparación física das xogadoras que adestran na Anexa. Traballamos a forza, a prevención e recuperación de lesións, e o acondicionamento físico para que cheguen aos partidos nas mellores condicións.

Como ves o impacto do traballo da Fundación Breogán nos deportistas e participantes cos que traballas?
Vese unha evolución moi clara nos participantes. Por exemplo, no Proxecto Ícaro, aínda que é o primeiro ano que se desenrola, xa noto avances. E no Proxecto Persoas, si que vin cambios importantes: rapaces que eran tímidos agora falan con naturalidade, fan bromas, relácionanse. Non é só unha mellora deportiva, senón persoal.
E cos maiores, pasa algo similar. No Grazas a Vós, xa os sentimos como os nosos propios avós e avoas. Recíbennos con alegría, cóntannos cousas, participan con ganas. Ves como se involucran, como melloran anímicamente. É moi bonito.
Que significa para ti formar parte da Fundación Breogán e como inflúe no teu día a día?
Formar parte da Fundación Breogán significa moito para min. Vai máis alá de formar parte dun club: trata de estar implicado nunha idea, nun proxecto que achega o baloncesto a toda a sociedade. Non só a nenos ou adultos, senón tamén a persoas maiores, con capacidades diferentes, ou con menos recursos.
Estes proxectos enchen moito a nivel persoal. Sempre marcho contento, coa sensación de que, aínda que non saiba se axudei moito ou pouco, esa persoa levou algo positivo desa experiencia. Ese rato compartido, esa relación humana… iso reconfórtache, porque sabes que estás poñendo o teu gran de area para mellorar a vida doutros.

Hai algún momento especial que viviras na Fundación que che marcara especialmente?
Lembro un momento recente nunha residencia, cunha señora moi alegre, que sempre era o alma da festa. Estivo ingresada e ao volver estaba moi apagada. Pero tras unhas visitas, volveu recuperar o sorriso, a vitalidade… iso tócache por dentro. Ves que axudas de verdade.
Outro momento, máis habitual, é cada xoves co grupo do Proxecto Persoas. Cando vas, énchenche a alma: fanche bromas, escóitante, cóntanche as súas cousas… Incluso me atopei con algún rapaz polo centro de Lugo, e paráronme para falar. Daste conta de que, con só unha hora á semana, podes deixar unha pegada importante.
A mellora dos participantes dos proxectos non é só unha mellora deportiva, senón tamén persoal
Por que cres que é importante apoiar á Fundación Breogán, xa sexa como voluntario, socio ou colaborador?
Creo que a Fundación necesita máis visibilidade e apoio, porque cada vez está impulsando proxectos máis interesantes. Xa non é só baloncesto: traballamos con asociacións de párkinson, con persoas maiores, con rapaces en risco de exclusión… O baloncesto é só a ferramenta, pero o importante é o que se consegue a través del.
Hai moitas ideas por desenvolver, e se todos colaboramos un pouco, a Fundación pode seguir medrando. Non somos só os adestradores ou preparadores: somos parte dunha comunidade que pode cambiar cousas. A Fundación naceu cun camiño claro, e está evolucionando moi ben. Con apoio, pode ser algo aínda máis grande.


Grazas, Álex, por compartir connosco o teu tempo, o teu compromiso e a túa visión. Historias como a túa inspírannos a seguir traballando por unha sociedade máis inclusiva a través do deporte.