Novas

As lendas Antonio Seral e Paco Basanta inauguran o proxecto Memoria Celeste no HULA

Hoxe a emoción tráenos recordos poderosos e persoas imprescindibles para entender o que somos. Antonio Seral e Paco Basanta non só pertencen á historia do Breogán… son parte viva dela.

Breogán Fontecelta (temporada 1970-71). De esquerda a dereita; de pe: Alfredo Aguado, Antonio Seral, Armando Pérez, Alfredo Pérez, Manuel Merino, Lorenzo Fernández, Manolo Jato (adestrador); inferior: Manolo Díaz, Rogelio, Ángel Serrano, Millán, Miguel Bourio e Iván Modia. VEGA/AHP

Antonio Seral, nado en Zaragoza en 1949, xogador nos anos 70 co Breogán e con outros clubs galegos, sobrevivente daquel tráxico accidente de Nadal de 1970 que lle custou a vida a Manuel Merino e o deixou a el gravemente ferido, converteuse despois en directivo, secretario técnico e xerente do club. Co seu carácter sereno e o seu amor por este deporte, foi unha peza clave nos primeiros ascensos, na Copa Korac e en tantas páxinas douradas do breoganismo.


Paco Basanta na súa etapa como xogador do CB Breogán / arquivo SER

Paco Basanta, pola súa parte, foi xogador nos anos 80, base de entrega e compromiso, defensor incansable do celeste en tempos difíciles. Despois de colgar as botas, seguiu ligado ao Breogán como xornalista e cronista, converténdose na memoria escrita do club: a voz que, dende as páxinas de El Progreso, ten narrado con emoción cada logro, cada anécdota e cada latexar da afección lucense.


A súa presenza nesta visita á Aula Pediátrica do HULA, enmarcada dentro do proxecto Experiencia Breogán, simboliza o que queremos seguir facendo: integrar ás nosas lendas nas actividades e proxectos sociais da Fundación Breogán, para que a súa experiencia e valores sigan inspirando ás novas xeracións.

Porque escoitar a Antonio Seral é entender o que custou cada ascenso, cada soño.
E ter preto a Paco Basanta é deixar que a palabra se convirta en emoción, para que o pasado siga a latexar no presente.

💙 Grazas, Antonio. Grazas, Paco.

MEMORIA CELESTE. As nosas lendas, a nosa historia.