Onte realizamos o “Tour do Pazo”, unha das tres partes da que se compón cada Experiencia Breogán, cos amigos e amigas da Asociación Párkinson Lugo (ASPALU), que estamos a coñecer grazas á nosa Empresa Benefactora a Clínica García Rielo.
Acompañados por Salva Arco e por Luis Abel Taboada os nosos convidados percorreron todas as dependencias do Pazo dos Deportes: sala de prensa, ximnasio, palco VIP…etc. Unha das cousas que máis lles chamou a atención a tod@s foi o descubrimento dunha pesa de 50 Kg. A pregunta estaba clara, cal dos xogadores do C.B. Breogán é quén de levantala do chan? Quedaron coa dúbida e terán que comprobar por eles e elas mesmas o tamaño dos bíceps dos xogadores breoganistas para descubrir ao “propietario” da pesa.
Sen dúbida terán unha oportunidade privilexiada para este fin o domingo día 5, xa que poderán velos moi de preto, desde o palco VIP da Fundación no encontro do Breo fronte ao CB Canarias.
A visita continuou achegándonos á sala de trofeos, onde coma sempre Marcos Fernández, Xefe de Prensa levou a batuta para contar toda a historia de cada un deles.
Rematamos compartindo uns momentos cos xogadores e corpo técnico do C.B. Breogán, logo de presenciar a parte final do adestramento.
Esta tarde, unha pequena comitiva formada por unha representación do C.B. Breogán, da Fundación Breogán e da Clínica García Rielo visitaremos as instalacións da Asociación Párkinson Lugo.