Un proxecto da Fundación Breogán no que imos da man con Xuncas Diversia, en convenio coa Vicepresidencia da Excma. Deputación de Lugo.
FUNDACIÓN BREOGÁN DIVERSIA nace da necesidade de ofrecer unha alternativa deportiva a aquelas persoas que polas súas discapacidades físicas non poden practicar baloncesto. É por isto, que dende febreiro de 2023, a Fundación Breogán e Xuncas Diversia uníronse para crear esta iniciativa deportiva e chegar ao máximo número de persoas.
O proxecto iniciouse con só 4 xogadores/as, e na actualidade, xa pasamos da decena de deportistas. Adestramentos semanais, presenza en redes sociais, presentación pública nun partido do C.B.Breogán, eventos solidarios, etc. son moitas das actividades que levaron a este proxecto a ser un pioneiro na nosa provincia e a dar visibilidade a un colectivo que ata o de agora, e en termos de baloncesto, estaba esquecido.
Pero quizais, do que máis orgullosos nos sentimos, é de formar unha pequena familia. Fundación Breogán Diversia non só é baloncesto, é inclusión, é solidariedade, é resiliencia, perseveranza, é unha segunda oportunidade, etc. e a forma de reinserir deportivamente a moitas persoas que non dispoñían desa opción.
Para esta nova tempada, os nosos obxectivos son claros, SEGUIR MEDRANDO. Queremos seguir dando visibilidade a este deporte, seguir dando oportunidades para que todas aquelas persoas que o desexen, poidan practicar baloncesto adaptado en cadeira de rodas, seguir construíndo unha sociedade máis xusta e onde todos os colectivos formen parte dela, indistintamente das súas capacidades, físicas ou mentais.
Para iso, e de forma máis concreta, estes son os principais obxectivos que nos marcamos:
- Seguir aumentando o número de xogadores/as durante esta nova tempada 23/24.
- Competir. Sendo conscientes de que levamos só uns meses adestrando, queremos que o noso equipo poida dar un pasiño máis e competir nalgunha liga que se adapte ás nosas características. Para iso, todos os nosos xogadores estarán federados e pasarán as pertinentes probas médicas para recibir a súa puntuación como xogadores.
- Manter o nivel de esixencia e excelencia destes meses. Para nós, os nosos xogadores, sexa cal for o seu nivel, son os mellores, por iso queremos gocen deste deporte da forma máis profesional posible.
- Que todos nos coñezan. A nosa labor vai máis aló do deporte. Debemos dar a coñecer este deporte en colexios, institutos e que chegue o máis lonxe posible. Ninguén que teña unha discapacidade física pode sentir que non ten opcións de practicar deporte. E para iso, organizaremos visitas a centros escolares e traballaremos para ser o máis visibles posible.
Características:
- Adestrarase dous días por semana no Complexo Deportivo de Frigsa, Lugo.
- Os adestramentos estarán dirixidos a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que empreguen cadeira de rodas.