LUZ Ó DEPORTE 2024

 

 

 

De Setembro a Decembro de 2024.

 

 

III Edición do proxecto que a Fundación Breogán realiza en convenio coa Xunta de Galicia e Abanca.

A Fundación Breogán pretende ser a plataforma perfecta para que, utilizando a relevancia e impacto que supón o C.B. Breogán para a sociedade lucense, ser o referente no fomento e divulgación dos valores inherentes ó deporte e ser inclusivos acadando que todos teñamos as mesmas posibilidades e oportunidades para realizarnos.

Como obxectivos, e dentro da nosa parcela deportiva, pretendemos fomentar e inculcar os valores do deporte entre tódolos sectores da sociedade lucense. Divulgar e promover o deporte co fin de acadar hábitos saudables de práctica deportiva, entendendo sobre todo, a importancia que teñen os máis novos neste contexto.

E é por isto que nace LUZ Ó DEPORTE no pasado 2022, buscando empregar o deporte e os seus protagonistas como unha ferramenta para dar a coñecer todo o que agacha o deporte de élite.

Ser testemuñas en primeira persona das experiencias e viviencias de deportistas e ex deportistas de primeiro nivel para educar, orientar e influir positivamente na conducta dos adolescentes.

LUZ Ó DEPORTE constará novamente de 4 charlas para adolescentes, nas que se busca dar visibilidade a certos temas tabúes no mundo do deporte profesional. Ó mesmo tempo, queremos poñer en alza todos aqueles valores e actitudes que poidan influir de maneira positiva na súa educación.

As charlas realizaranse durante o inicio do curso 24/25, unha charla ó mes durante setembro, outubro, novembro e decembro.

Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, as charlas serán conducidas por María Nieto, Licenciada en Ciencias da Comunicación e a Información, con formación complementaria en Relacións Públicas, Organización de Eventos, Comunicación Corporativa e Comunicación Dixital, e levaranse a cabo no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

Os relatores e os temas a tratar serán:

 

 

 

26 de setembro de 2024 - Presentación do proxecto
30 de setembro de 2024 - Joaquín Dosil

 

 

Primeiro relatorio do ciclo de conferencias Luz ó Deporte da Fundación Breogán, a cargo de Joaquín Dosil, doutor en psicoloxía do deporte e coordinador do servizo de psicoloxía do C.B. Breogán.

Na charla estiveron presente Sagrario Sánchez, Xefa Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia; Manuel Cadramón, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e Zayra Dapena, Directora Territorial de Abanca.

Diante de 300 alumnos e alumnas de 3 institutos lucenses, Joaquín compartiu valiosas experiencias e aprendizaxes provenientes do deporte, aplicables á vida diaria. Desde exemplos reais ata motivadoras reflexións sobre a importancia de descubrir o talento, afrontar os retos con actitude e aprender de cada paso no camiño.

Grazas a Joaquín pola súa inspiradora charla e a todos os asistentes pola súa participación.

 

 

21 de outubro de 2024 - Jessica e Lucy Akamere

 

 

Segunda charla do ciclo de conferencias Luz ó Deporte 2024 que organiza a Fundación Breogán co apoio da Xunta de Galicia e de Abanca, coas irmáns Jessica e Lucy Akamere, xogadoras do Club Voleibol Emevé como protagonistas.

Onte tivo lugar, no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia unha nova oportunidade para os máis de 300 estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e dos Colexios Franciscanos e Maristas Lugo, de coñecer de primeira man as vivencias de estas dúas xoias do voleibol lucense.

Na entrevista, conducida por María Nieto, Lucy e Jessica compartiron a súa experiencia e lembráronnos que o talento non é suficiente: no deporte e na vida, hai que traballar, perseverar e ser resilientes, que a pesar dos obstáculos e as dificultades, o esforzo diario e a mentalidade positiva son claves para alcanzar calquera obxectivo.

Grazas Jessica e Lucy por esta dose de motivación e por ensinarnos que no deporte, como na vida, non hai límites cando te esforzas ao máximo!

No acto, acompañando ao Director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, estiveron presentes Zayra Dapena, Directora Territorial de Abanca e Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia.

 

 

18 de novembro de 2024 - Miguel Muñoz

 

 

Novo relatorio do ciclo de conferencias Luz ó Deporte, coa participación de Miguel Muñoz, capitán do ADC Lugosala.

300 alumnos e alumnas dos institutos lucenses Maristas Lugo, Franciscanos Lugo e IES Ollos Grandes asistiron a esta inspiradora charla, conducida por María Nieto, escritora e xornalista.

Miguel Muñoz, unha figura emblemática no fútbol sala e un verdadeiro exemplo de dedicación, prendeu aos mozos coas súas vivencias persoais e as aprendizaxes acumuladas ao longo da súa destacada traxectoria deportiva. As súas palabras ecoaron profundamente entre os asistentes, inspirándoos a valorar o esforzo, a perseveranza e o traballo en equipo como claves non só no deporte, senón tamén na vida.

O acto contou coa presenza de Zayra Dapena, Directora Territorial de AbancaJavier Arias, Delegado Territorial da Xunta de GaliciaSagrario Sánchez, Xefa Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Manuel Cadramón, Xefe do Servizo Provincial de Deportes, e Luis Abel Taboada, Director da Fundación Breogán.

 

16 de decembro de 2024 - Enmanuel Reyes Pla

 

 

Peche da III Edición do noso ciclo de conferencias Luz ó Deporte, coa inspiradora ponencia do boxeador medallista olímpico, Enmanuel Reyes Pla.

Enmanuel, un exemplo de superación, ensinounos que nunca hai que renderse, que o esforzo é a clave para superar calquera desafío. As súas vivencias deixaron unha pegada imborrable en todos os asistentes.

Este proxecto, que realizamos en colaboración coa Xunta de Galicia e Abanca, permitiunos, unha vez máis, achegar á mocidade de Lugo grandes referentes do deporte de primeiro nivel.

Estiveron presentes Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia e Esteban Gómez, en representación de Abanca, quen recolleron de mans do Director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, un pequeno recoñecemento para agradecer o apoio de ambas entidades durante estas tres edicións.

Grazas a todas as persoas que o fixeron posible. Seguimos traballando polo deporte e pola nosa mocidade!