Novas

PROXECTO PERSOAS | 5ª TEMPADA

Hai proxectos que definen unha organización. Desde hai cinco tempadas, a Fundación Breogán traballa para ofrecer a nenos e nenas con capacidades diferentes un espazo onde o baloncesto se converte en moito máis ca un deporte: unha ferramenta de inclusión, aprendizaxe, autonomía e felicidade.

Grazas ao apoio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, este proxecto consolidouse como un dos grandes referentes sociais da Fundación, demostrando que todas as persoas merecen a oportunidade de participar, compartir e desfrutar do deporte.

Pero hai algo que fai especial a Proxecto Persoas.

Practicamente cada semana, a pista do Pazo énchese tamén de entidades sociais, clubs deportivos, deportistas e colectivos que se unen aos adestramentos para compartir unha experiencia que vai moito máis alá do baloncesto.

Porque a inclusión non se consegue observando desde a bancada.

Constrúese xogando, aprendendo e convivindo xuntos.

Na tempada 2026/27 celebraremos a súa 5ª tempada, mantendo intacto o compromiso que deu orixe a este proxecto e que segue facendo do deporte unha poderosa ferramenta de transformación social.