Os nenos e nenas do Colexio Cervantes viviron unha xornada moi especial coa visita ao Pazo dos Deportes de Lugo, acompañados por dúas auténticas institucións do baloncesto lucense que se incorporan ao proxecto Memoria Celeste: Fernando Fernández Allende e Tito Real.
Quen mellor ca eles para explicar, desde a experiencia vivida en primeira persoa, a historia do CB Breogán, a evolución do baloncesto en Lugo e todo aquilo que non sempre se ve desde a bancada: o esforzo diario, o compromiso co club e o papel formativo do deporte ao longo dunha vida.
A visita converteuse nun exercicio de memoria viva, no que pasado e presente se deron a man para achegar ás novas xeracións os valores que construíron a identidade do baloncesto lucense.
TITO REAL
Falar de Tito Real é falar dunha das grandes referencias históricas do Breogán e do baloncesto galego. A súa traxectoria deportiva comeza con éxitos destacados xa na década dos 70, proclamándose campión de España en 1973 en Albacete co Estudiantes.
Entre as tempadas 1978-79 formou parte do ATB, co que competiu na Liga Galega e no Campionato de España. Pouco despois, na tempada 1979-80, incorpórase ao CB Breogán, sendo protagonista do ascenso de Terceira a Segunda División e, posteriormente, do histórico ascenso á ACB na tempada 1983-84.

Entre 1979-80 e 1983-84, Tito Real exerceu como capitán do Breo, liderando ao equipo dentro e fóra da pista nunha das etapas máis significativas do club. Tras a súa retirada como xogador, continuou ligado ao Breogán desde o banco, sendo axudante de Ángel Sevilla na tempada 1989-90 e formando parte do corpo técnico do DYC Breogán entre 1991 e 2000.
O seu legado vai máis alá dos resultados: representa liderado, compromiso e fidelidade a unhas cores.

FERNANDO FERNÁNDEZ ALLENDE
Fernando Fernández Allende é, sen dúbida, unha das figuras clave para entender o baloncesto lucense no seu sentido máis amplo. Adestrador, formador, estudoso do xogo e mestre, a súa chegada a Lugo a finais dos anos 70 marcou un antes e un despois na maneira de entender e traballar este deporte na cidade.
Foi un dos protagonistas da histórica participación do CB Breogán na Copa Korac na tempada 1985-86, exercendo como segundo adestrador cando Pablo Casado asumiu a dirección técnica do equipo. Nun contexto complexo, Allende desempeñou un papel fundamental como mediador e apoio estrutural nun club que buscaba consolidarse en competicións nacionais e internacionais.
Pero se hai un ámbito no que a súa pegada resulta incuestionable é no baloncesto feminino. Fernando Fernández Allende foi o fundador do Ensino, o xerme do actual baloncesto feminino lucense, e o responsable de dotar esta disciplina da seriedade, metodoloxía e valores que ata ese momento non tiña. Grazas ao seu traballo, xeracións de nenas puideron entender o deporte como unha parte esencial da súa formación persoal.

Ademais de formar xogadoras e xogadores, foi tamén instrutor de numerosos técnicos, contribuíndo á modernización do baloncesto lucense desde unha perspectiva pedagóxica e innovadora. Adestrador Superior e profesor da Escola de Adestradores, é recoñecido como unha das persoas con maior coñecemento teórico do baloncesto no ámbito local e nacional.
A súa dedicación absoluta, o seu compromiso cos valores do deporte, da amizade e do esforzo, e a súa capacidade para transformar mentalidades fixeron del unha figura querida e respectada, imprescindible na memoria deportiva de Lugo.

Ademais de formar xogadoras e xogadores, foi tamén instrutor de numerosos técnicos, contribuíndo á modernización do baloncesto lucense desde unha perspectiva pedagóxica e innovadora. Adestrador Superior e profesor da Escola de Adestradores, é recoñecido como unha das persoas con maior coñecemento teórico do baloncesto no ámbito local e nacional.
A súa dedicación absoluta, o seu compromiso cos valores do deporte, da amizade e do esforzo, e a súa capacidade para transformar mentalidades fixeron del unha figura querida e respectada, imprescindible na memoria deportiva de Lugo.
Con incorporacións como as de Fernando Allende e Tito Real, o proxecto Memoria Celeste continúa integrando, preservando e poñendo en valor ás persoas que construíron a historia do CB Breogán, demostrando que o legado do club se escribe tanto nas pistas como fóra delas, e que coñecer o pasado é esencial para inspirar o futuro.


