Último día desta III Edición das Xornadas de Tecnificación.
Hoxe dedicamos a primeira parte da mañá á tecnificación de tiro. Técnica individual, xogos, competicións etc.
A partir das 11:15h empezamos de novo coa competición de 3×3. Era quenda de igualar o número de partidos e de empezar as semifinais e as finais. E é aí onde tivemos uns invitados de luxo. Sergi Quintela e Stefan Momirov pasaron despois do seu adestramento a ver o último partido de 3×3 e estar un intre cos nosos mozos/as. Tamén foron eles os encargados de repartir os trofeos aos gañadores desta competición, asinar autógrafos e responder as preguntas e inquietudes dos xogadores/as.
Despois de recargar baterías na Facultade de Humanidades da USC, hoxe tocaba seguir co tiro. Para iso contamos con Alberto Corbacho, que estivo toda a tarde connosco explicándonos os seus segredos para tirar cada vez mellor. Sen dúbida, todo un luxo.
E xa para acabar, foi a quenda do sorteo das entradas para o partido desta fin de semana entre o C.B. Breogán e o Bilbao, a entrega dos detalles por parte da nosa Empresa Colaboradora Serigrafía EO (uns cadernos chulísimos) e tamén a entrega dos balóns para cada un dos inscritos.
E ata aquí chegou a III Edición das Xornadas de Tecnificación. Esperamos que gozasen desta nova experiencia, que puidesen aprender moito baloncesto e que se vaian cun sorriso.
Pola nosa banda darvos as GRAZAS de novo pola vosa confianza, foi un pracer contar durante estas tres xornadas cos vosos fillos/as e ver a ilusión que teñen por este deporte, e oxalá nos vexamos en futuras ocasións e sempre co deporte como escusa.