FUNDACIÓN SECRETARIADO XITANO / PAZO DE VILANE

Da man da nosa empresa benefactora PAZO DE VILANE, achegámonos ao traballo da FUNDACIÓN SECRETARIADO XITANO, adicándolles a semana do 21 ao 26 de abril de 2025.
Iniciamos con ilusión as Experiencias Breogán 2025, un programa que busca tecer lazos entre o deporte, a cultura e o compromiso social, visibilizando o labor de entidades que traballan por unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Esta primeira semana está dedicada á Fundación Secretariado Xitano, unha entidade social sen ánimo de lucro que leva máis de 40 anos traballando pola promoción integral da comunidade xitana, apostando pola igualdade de oportunidades e a loita contra a discriminación. O seu traballo abrangue ámbitos como a educación, o emprego, a vivenda, a saúde e a sensibilización social, sempre desde unha perspectiva intercultural e de respecto á diversidade.
Grazas ao apoio da nosa empresa benefactora Pazo de Vilane, ao longo da semana realizaremos diversas actividades:
-
Visita ás instalacións da Fundación en Lugo para coñecer de preto o seu traballo diario.
-
Recepción dunha representación da Fundación que participará no Tour do Pazo, descubrindo o corazón do CB Breogán.
-
Asistencia ao partido entre o CB Breogán e o Joventut de Badalona, o sábado 26 de abril, nun encontro que será moito máis ca baloncesto.
Estas experiencias permiten crear espazos de encontro entre diferentes realidades, fortalecendo o compromiso da nosa Fundación co territorio e coas persoas que o constrúen día a día.
Para saber máis sobre a Fundación Secretariado Xitano: www.gitanos.org


Tivemos o pracer de visitar o centro da Fundación Secretariado Xitano en Lugo, dentro do proxecto Experiencia Breogán, que levamos a cabo grazas ao apoio da nosa empresa benefactora Pazo de Vilane.
Nesta ocasión, acompañaron ao director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, os xogadores do C.B. Breogán Eric Vila, Edin Atić e Boubacar Touré, que compartiron vivencias e ilusións co alumnado.
Fomos recibidos por Belén Fdez. López, coordinadora provincial, e Olalla Radío, orientadora, xunto con varios docentes do Programa de Educación Promociona, un proxecto que ofrece apoio educativo ao alumnado en colaboración con familias e centros.
Foi unha xornada educativa, inspiradora e chea de aprendizaxes compartidas cos rapaces e rapazas de Primaria e ESO.
Grazas pola acollida e por seguir sementando futuro a través da educación!
Pola mañá recibimos no Pazo dos Deportes a unha representación do Programa de Educación Promociona, formada por varios alumnos e Olalla Radio, Antonio Cortiñas e Belén Fernández, Coordinadora, que realizaron o xa mítico percorrido polas instalacións, coñecendo de preto fogar do Breogán.
Pola tarde, tiveron a oportunidade de vivir o partido entre o CB Breogán e o Joventut a pé de pista, desfrutando da experiencia desde o Palco VIP da Fundación Breogán.
Durante un dos descansos, Nuria Varela-Portas de Orduña, xerente de Pazo de Vilane, foi a encargada de facer entrega do recoñecemento a Belén Fernández, como lembranza desta xornada tan especial.
Grazas á Fundación Secretariado Xitano polo seu traballo diario e por compartir con nós esta experiencia tan enriquecedora. Seguimos sumando!