FUNDACIÓN JUANSOÑADOR / IBERSYS

Da man da nosa empresa benefactora IBERSYS, achegámonos ao traballo da FUNDACIÓN JUANSOÑADOR, adicándolles a semana do 19 ao 25 de maio de 2025.
A Fundación JuanSoñador é unha entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro, promovida polos Salesianos, que traballa desde hai máis de vinte anos pola inclusión e a promoción da infancia, adolescencia e mocidade en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión. Presente en diferentes puntos do Estado, desenvolve o seu labor a través de programas educativos, formativos e de acompañamento social, apostando sempre por un modelo de intervención integral que pon no centro a dignidade e o potencial de cada persoa.
O seu traballo en Lugo destaca pola atención personalizada, o fortalecemento dos vínculos comunitarios e a creación de oportunidades reais para que os máis novos poidan construír un futuro con sentido e esperanza.
Para saber máis sobre a Fundación JuanSoñador: Fundación JuanSoñador


A Fundación JuanSoñador protagoniza a segunda Experiencia Breogán do ano, da man de Ibersys
A pasada semana desenvolveuse a segunda Experiencia Breogán de 2025, unha iniciativa da Fundación Breogán que busca conectar o espírito do CB Breogán co compromiso social da cidade. Nesta ocasión, tivemos o privilexio de compartir espazo e tempo coa Fundación JuanSoñador, grazas ao apoio da nosa empresa benefactora Ibersys, quen fixo posible este encontro.
O mércores, unha representación da Fundación Breogán visitou as instalacións de JuanSoñador en Lugo. Acompañados por José Ferro, representante de Ibersys, e polos xogadores do CB Breogán Jordan Sakho e Elijah Hughes, puidemos coñecer de primeira man o gran traballo que realiza esta entidade coas persoas máis novas en situación de vulnerabilidade. A visita foi unha experiencia enriquecedora para todas as partes, marcada pola empatía, a conversa, a inspiración mutua e o deporte como linguaxe común.
O domingo seguinte, a Fundación JuanSoñador foi convidada a asistir ao último partido da tempada do CB Breogán no Pazo dos Deportes, desde o palco VIP da Fundación Breogán, gozando dun encontro vibrante fronte ao Dreamland Gran Canaria e dunha xornada moi especial a pé de pista.
Durante un dos descansos do partido, Javier Iglesias, CEO de Ibersys, fixo entrega dun recoñecemento institucional á Fundación JuanSoñador polo seu incansable labor social e educativo, acompañando á infancia e mocidade en situación de exclusión. O galardón foi recollido por Victoria Alejo, coordinadora local da Fundación JuanSoñador en Lugo, e Olalla Caamaño, educadora da entidade.
Desde a Fundación Breogán queremos agradecer profundamente o compromiso e a dedicación de JuanSoñador, así como o apoio decidido de Ibersys, sen o cal iniciativas como esta non serían posibles. A Experiencia Breogán é moito máis ca unha actividade puntual: é unha oportunidade de encontro, de coñecemento e de recoñecemento mutuo entre diferentes realidades que comparten un mesmo territorio e unha mesma esperanza de futuro.
💙 Seguimos a traballar xuntos para facer do noso entorno unha sociedade máis xusta, máis consciente e máis humana.