CENTRO DE MENORES OLLOS GRANDES / TRANSPORTES VALÍN

Da man da nosa empresa benefactora TRANSPORTES VALÍN, achegámonos ao traballo do CENTRO DE MENORES OLLOS GRANDES adicándolles a semana do 29 de decembro de 2025 ao 3 de xaneiro de 2026.
A Fundación Breogán desenvolveu unha nova Experiencia Breogán xunto ao Centro de Menores Ollos Grandes, unha entidade de referencia na atención a nenos e mozos en situación de vulnerabilidade social, cunha traxectoria iniciada no ano 1951.
No marco desta experiencia, a Fundación visitou as instalacións do centro para coñecer de primeira man o labor que se realiza diariamente, baseado na protección, a educación, a inclusión e o acompañamento integral, co obxectivo de favorecer o benestar e o desenvolvemento persoal dos seus usuarios e usuarias.
A visita estivo encabezada polo director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, acompañado por unha representación do CB Breogán, formada por Erik Quintela, Mauro Nogueira e Quique Fraga, reforzando así o vínculo entre deporte, empresa e compromiso social.
Como peche da experiencia, un grupo de rapaces e rapazas do centro asistiu a un encontro do CB Breogán no Pazo dos Deportes, vivindo unha xornada chea de emoción e ilusión que culminou coa vitoria fronte ao Unicaja. Durante o descanso do partido, recibiron un recoñecemento público polo labor que realiza o Centro de Menores Ollos Grandes, da man de Elena Valín, en representación de Transportes Valín.
Esta Experiencia Breogán foi posible grazas á colaboración da nosa Empresa Benefactora, Transportes Valín, á que agradecemos o seu apoio para seguir impulsando iniciativas que xeran impacto social positivo e duradeiro.










