CENTRO SAN VICENTE DE PAÚL / GRUPO DITRAM

 

 

 

 

 

Da man da nosa empresa benefactora o GRUPO DITRAM, achegámonos ao traballo do CENTRO SAN VICENTE DE PAÚL, adicándolles a semana do 17 ao 22 de novembro de 2025.

 

 

 

Ao longo desta semana, a Fundación Breogán centrou a súa Experiencia Breogán no Centro San Vicente de Paúl, unha entidade referente no acompañamento a persoas con discapacidade intelectual. Tivemos a oportunidade de coñecer de preto o seu labor, baseado na dignidade, o respecto e a creatividade, un traballo posible grazas ao esforzo de profesionais, voluntariado, familias e ao apoio institucional.

A visita ao Centro, realizada coa colaboración da nosa Empresa Benefactora Grupo Ditram, permitiunos descubrir as súas instalacións e compartir unha xornada moi especial coa súa comunidade. Contamos coa presenza dos xogadores do CB Breogán Mihajlo Andrić e Jordan Sakho, así como das Lendas Breoganistas Xavi Roca, Suso Fernández e Antonio Seral, que fixeron as delicias de usuarios e usuarias nun encontro cheo de sorrisos, conversación e momentos de baloncesto que deixaron unha fonda pegada.

A semana pechou cun segundo capítulo: a visita do Centro ao Pazo dos Deportes, onde gozaron do partido entre o CB Breogán e o San Pablo Burgos desde o palco VIP da Fundación. No EsPazo Fundación, contaron cun stand informativo no que amosaron parte do seu traballo terapéutico e ocupacional, achegando á afección unha visión máis completa do seu día a día.

Nun dos descansos do encontro, Rubén Gil, xerente de Ditram, fixo entrega dun recoñecemento ao Centro polo seu compromiso continuado. O Pazo acolleu o momento cun aplauso cálido e emotivo que puxo de manifesto o respecto e a admiración polo seu labor.

En conxunto, foi unha semana chea de aprendizaxe, emoción e vínculo social, na que reforzamos o valor de crear pontes entre comunidade, deporte e inclusión. Unha Experiencia Breogán que, unha vez máis, amosou que compartir transforma. 💙

 

 

 

Related Projects