ASPNAIS LUGO / IBERSYS
Do 27 de marzo ó 2 de abril, adicamos este proxecto á Asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual de Lugo, ASPNAIS. A empresa benefactora da Fundación, IBERSYS, achegounos esta asociación que loita dende o 1966 pola reivindicación e a defensa dos dereitos fundamentais e individuais deste colectivo e as súas familias.
Comezamos a 2ª Experiencia Breogán deste 2023 recibindo no Pazo dos Deportes a 15 usuarios/as de ASPNAIS acompañados por tres monitores da Asociación.
O xa famoso tour polas instalacións correu a cargo de Salva Arco e Guido Ávarez; sala de trofeos, corredor da fama, vestiario (onde tiveron a agradable sorpresa de atoparse con Marko Lukovic), sala de prensa, sala de scouting de video… todos aqueles recunchos do “Templo do Breoganismo” que tan só uns poucos privilexiados teñen a oportunidade de coñecer.
No ximnasio tiveron o primeiro contacto de preto cos xogadores do C.B. Breogán, que continuaría cos restantes (e os técnicos) xa na pista onde presenciaron boa parte do adestramento.
Ó remate do mesmo houbo tempo para a charla e tiveron a oportunidade de coñecer á nova fichaxe do C.B. Breogán, o ala-pívot serbio Nikola Tanaskovic.
Acompañounos nesta visita D. José Ferro (responsable comercial da nosa Empresa Benefactora @ibersys_seguridadysalud.
Continuamos ca visita ó centro ASPNAIS.
Unha representación do C.B. Breogán e da Fundación Breogán, formada polos xogadores Marko Luković e Sergi Quintela, e o director da Fundación, Salva Arco visitaron as espectaculares instalacións de ASPNAIS LUGO.
Acompañounos nesta visita D. Javier Iglesias Sanjurjo, Conselleiro Delegado da nosa Empresa Benefactora IBERSYS, grazas á cal podemos realizar esta 2ª Experiencia Breogán do 2023.
Alí agardaban por nós os usuarios e responsables do centro, encabezados polo seu Presidente D. José Reigosa.
O edificio do antigo hospital San José é o fogar de ASPNAIS onde, nos seus máis de 10.000 metros cadrados de superficie acollen as 3 áreas de atención da entidade: o Centro de Día, o Centro Ocupacional e o Centro Residencial, prestando atención a 300 persoas.
No Centro Ocupacional asistimos á multitude de talleres e actividades que os usuarios realizan co obxectivo de proporcionar a habilitación laboral dos mesmos:
- Traballos artísticos para a decoración do fogar.
- Servizo de montaxe de lenzos e marcos a medida.
- Elaboración artesanal de candeas, xabóns e caixas de correspondencia.
- Servizos de ensobrado de correspondencia e pregado de camisolas e suadoiros.
- Taller de carpintería, adicado á fabricación de mobiliario de fogar e oficina; restauración de mobles e producción de instrumentos de cociña, como pratos para o polbo, táboas de churrasco, etc.
- Taller de cerámica no que se elaboran pezas artesanalmente, destinadas a eventos coma vodas, bautizos, comunións, etc.
- Taller de envasado.
- Taller de fregonas.
- Lavandaría, adicado ó lavado e pranchado de roupa de fogar e para empresas (clubs deportivos, perruquerías, etc.)
- Taller de grabado.
- Taller de reciclaxe.
- Taller de xardinería.
Dende a Fundación Breogán podemos dar testemuña da calidade dos servizos que ofrece ASPNAIS, xa que dende hai dous anos son eles os proveedores oficiais dos recoñecementos que se entregan ás entidades protagonistas do proxecto Experiencia Breogán.
O Centro Residencial, pioneiro na súa filosofía e funcionamento, acolle tanto a usuarios coma os seus pais/nais, que debido a circunstancias familiares ou persoais necesiten dun fogar diferente ao seu.
Coñecimos en resumo a unha Asociación espectacular, que loita por visibilizar, dignificar e mellorar a calidade de vida e traballar pola integración real e efectiva das persoas con diversidade funcional.
A derradeira etapa desta semana adicada a ASPNAIS Lugo, tivo lugar onte ca visita de usuarios e responsables da Asociación, que viviron o partido do C.B. Breogán dende o palco VIP a pé de pista e tamén dende a bancada.
Nun dos descansos do encontro, o presidente da nosa empresa benefactora IBERSYS, Jonathan Grandío Gómez e Salva Arco, como director da Fundación Breogán, fixeron entrega do recoñecemento ó presidente de ASPNAIS, José Reigosa García.
Unha vez máis, parabéns por todo o traballo que realizades a diario e por permitir que as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias poidan desenvolver o seu proxecto de calidade de vida, así como promover a inclusión como cidadáns de pleno dereito nunha sociedade xusta e solidaria.
GRAZAS ASPNAIS!
Se estades interesados en coñecer máis polo miúdo a ASPNAIS, ou contratar algún dos seus servizos, tedes toda a información en: