PROXECTOS 2026
AO COMPÁS (Proximamente)
Novo proxecto da Fundación Breogán patrocinado por ALBIA Funeraria Fernández que utilizará a música e a danza como ferramentas de inclusión para as persoas usuarias de Down Lugo.
Durante a tempada 2026/27 traballaremos a coordinación, o ritmo, a expresión corporal e a creatividade a través de sesións adaptadas que culminarán coa creación dunha coreografía colectiva.
LUZ AO DEPORTE (Proximamente)
Quinta edición de LUZ AO DEPORTE, un proxecto educativo da Fundación Breogán, co patrocinio de ABANCA, que achega aos centros educativos lucenses experiencias reais de deportistas e profesionais do deporte de elite.
A través de charlas e diálogo directo cos seus protagonistas, o alumnado descobre os valores, esforzos e aprendizaxes que existen detrás da competición.
PROXECTO LATEXO (Proximamente)
Novo proxecto socio educativo da Fundación Breogán e ACARLU que nace para promover hábitos saudables, educación cardiovascular e actividade física adaptada.
Unha iniciativa que conecta deporte, saúde e educación para acompañar ás persoas en todas as etapas da vida.
Porque cada paso conta.
Porque cada latexo tamén.
LIGA DE BOCCIA (Proximamente)
Novo proxecto impulsado pola Fundación Breogán para a tempada 2026/2027, co obxectivo de promover a inclusión, a participación e a igualdade de oportunidades a través do deporte.
Esta iniciativa pioneira reunirá a preto de 20 asociacións e colectivos lucenses nunha competición estable, converténdose nun espazo de encontro, convivencia e desenvolvemento persoal para todas as persoas participantes.
Proxecto patrocinado polo Concello de Lugo coa colaboración de LECER_AV.
ROSETTA (Proximamente)
ROSETTA é un novo proxecto educativo da Fundación Breogán que nace para achegar a linguaxe de signos ao alumnado e promover unha comunicación máis inclusiva.
A través desta iniciativa piloto, desenvolvida en colaboración con ASORLU, os participantes descubrirán novas formas de expresión e relación, fomentando valores como a empatía, o respecto e a igualdade de oportunidades.
MÁIS QUE BASKET NO RURAL (Próximamente)
Máis Que Basket no Rural é unha iniciativa da Fundación Breogán que achega o deporte e os seus valores á mocidade, promovendo hábitos saudables, igualdade de oportunidades e desenvolvemento persoal a través da práctica deportiva.
Un proxecto que utiliza o baloncesto como ferramenta educativa, social e de convivencia para impulsar unha vida activa e saudable.
MIÑO VIVO (Rematado)
Un novo proxecto de educación ambiental impulsado pola Fundación Breogán e a UNED Lugo na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A través de actividades participativas ao aire libre, traballaremos a conexión coa natureza, a biodiversidade local e o valor do noso patrimonio ambiental xunto a asociacións e colectivos de Lugo.
Porque coñecer o territorio é o primeiro paso para coidalo.
NÓS BALONCESTO (En breve)
NÓS BALONCESTO é un proxecto da Fundación Breogán de baloncesto en cadeira de rodas e inclusión educativa.
Nace coa vontade de crear un espazo onde o deporte sexa encontro, aprendizaxe e comunidade. Un equipo aberto que aposta pola participación, o crecemento persoal e os valores compartidos dentro e fóra da pista. Ao mesmo tempo, desenvolve unha liña educativa que achega este deporte aos centros escolares da provincia de Lugo.
Porque o baloncesto, aquí, enténdese sempre en plural: NÓS.
I TORNEO 3X3 SENIOR (Cancelado)
O 20 e 21 de xuño, o Pazo dos Deportes de Lugo acolle o I Torneo 3x3 Senior Fundación Breogán, unha cita de baloncesto 3x3 pensada para maiores de 30 anos, en formato mixto e cun máximo de 10 equipos participantes.
Ademais da competición, o evento contará con concursos e actividades paralelas como triplas, TwoBall e o tiro do xamón, converténdose nunha auténtica festa do baloncesto.
INCLUSIÓN +XTI (Rematado)
Programa socioeducativo desenvolvido en Lugo que promove a inclusión social de menores e mocidade en situación de vulnerabilidade a través do deporte e da educación.
O proxecto combina actividades deportivas (baloncesto, fútbol sala e boxeo) con obradoiros de prevención, educación emocional e expresión creativa a través do rap, favorecendo o desenvolvemento persoal, a autoestima e as habilidades sociais.
Está financiado polo Concello de Lugo a través da Concellería de Xuventude e Deportes, no marco do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade.
XORNADAS TECNIFICACIÓN (Rematadas)
A FUNDACIÓN BREOGÁN organiza a V Edición das Xornadas de Tecnificación, unha proposta pensada para rapaces e rapazas de 8 a 16 anos que queiran dar un paso adiante no seu xogo e vivir o baloncesto desde dentro, nun entorno profesional, dinámico e motivador.
Ao longo de tres días de traballo intenso, os e as participantes desfrutan de sesións de adestramento específicas, guiadas por adestradores da Fundación Breogán, e contan ademais coa visita de xogadores e técnicos do C.B. Breogán, que comparten a súa experiencia e coñecementos para axudarlles a mellorar aspectos clave como a técnica individual, a táctica e a toma de decisións en pista.
As xornadas complétanse con charlas formativas e educativas, nas que se reforzan valores esenciais como o compañeirismo, o esforzo, a disciplina e a superación persoal, principios fundamentais tanto no deporte como no día a día.
PEGADAS DA MEMORIA (Rematado)
Pegadas da Memoria é un programa da Fundación Breogán de terapia cognitiva asistida con cans, dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade.
As sesións desenvólvense nas residencias A Milagrosa e As Gándaras, así como en COGAMI, e están impartidas por Virginia Torrecillas (Escuela Tephira).
O proxecto conta co patrocinio de Albia Funeraria Fernández.
CANCHA SOLIDARIA (Rematado)
A Fundación Breogán resultou unha das 5 gañadoras a nivel estatal de Cancha Solidaria Endesa, unha iniciativa que impulsa e apoia proxectos sociais vinculados ao baloncesto.
Entre máis de 200 candidaturas presentadas en toda España, o noso Proxecto Ícaro foi recoñecido polo seu valor social, educativo e comunitario, consolidándose como unha proposta referente no uso do deporte como ferramenta de transformación.
Este logro é un orgullo para Lugo e para toda a familia da Fundación Breogán, e tamén un paso máis no noso compromiso por construír un baloncesto aberto, humano e con impacto real.
CHAN COMÚN (Rematado)
O primeiro proxecto Mixed Ability de baloncesto en Galicia. Unha iniciativa pioneira que une nun mesmo equipo a persoas con e sen discapacidade, con distintas capacidades e circunstancias vitais, para xogar, convivir e medrar en igualdade real.
Impulsado pola Fundación Breogán e co patrocino de Pazo de Vilane e da Fundación Dignidade, o proxecto promove deporte convencional sen etiquetas nin exclusión, creando clubs abertos, seguros e acolledores.
Un chan común onde todas as persoas teñen dereito a participar.
MEMORIA CELESTE (Rematado)
A historia do Breogán está feita de momentos inesquecibles e de persoas que deixaron unha pegada imborrable.
Xogadores, adestradores e unha afección única que, xuntos, construíron a identidade celeste.
Hoxe, dende a Fundación Breogán, presentamos un novo proxecto que nace para lembrar e compartir esas vivencias.
Un espazo onde o pasado cobra nova vida, onde as nosas lendas seguen a inspirar o presente e a conectar co futuro.
BOAS PRÁCTICAS (Rematado)
Boas Prácticas é un proxecto da Fundación Breogán que ofrece sesións formativas dirixidas a alumnado de primaria de centros lucenses.
A través de encontros con profesionais de diferentes sectores, o proxecto achega coñecementos, valores e experiencias que inspiran, fomentan vocacións e contribúen ao desenvolvemento persoal e social das novas xeracións.
BOCCIA ESCOLAR (Rematado)
A Fundación Breogán e Dano Cerebral Lugo poñen en marcha un proxecto pioneiro que leva a Boccia aos centros educativos de Lugo —Maristas, CEIP de Nadela, Colexio Diocesano A Milagrosa e CEIP Anexa— co obxectivo de achegar o deporte adaptado ao ámbito escolar, fomentar a inclusión, a empatía e a igualdade de oportunidades.
Unha iniciativa que demostra que, con adaptación e colaboración, todos e todas somos capaces.
SEN FILTROS (Rematado)
Novo ciclo de charlas da Fundación Breogán e o Proxecto de Bana para falar sen tabús sobre bullying, ciberacoso, saúde mental e suicidio.
A arte e o deporte como ferramentas para expresarse e coidarse.
PAZO ABERTO (Rematado)
Pazo Aberto: Descubrindo o corazón do Río Breogán.
A Fundación Breogán e o Proyecto de BANA lanzan a segunda tempada desta iniciativa única que convida aos escolares de primaria a vivir o espírito breoganista no Pazo dos Deportes de Lugo.
PROXECTO AROS (Rematado)
A Fundación Breogán e a Vicedeputación de Lugo, en colaboración con COGAMI, DOWN LUGO, RAIOLAS, HOSPITAL DE DÍA DE SAÚDE MENTAL (HULA) e DANO CEREBRAL LUGO, presenta dende o pasado ano o proxecto AROS, unha iniciativa social e inclusiva dirixida a persoas adultas con capacidades diferentes.
AROS nace coa vontade de ofrecer unha alternativa específica para a práctica do baloncesto como ferramenta de integración, benestar e desenvolvemento persoal. Este novo proxecto supón a evolución natural de Persoas, programa centrado ata agora en menores, ampliando así o seu alcance para dar resposta ás necesidades do colectivo adulto.
PROXECTO CRIS SEIJO (Rematado)
Segundo ano desta iniciativa da Fundación Breogán para impulsar o baloncesto feminino e o empoderamento de mulleres en Lugo.
Brindamos soporte a un equipo de baloncesto feminino, o Seijo Team, que participa colleitando éxitos na Liga Galega de Veteranas da FEGABA.
Ademáis ofrecemos a calquera muller de máis de 35 anos un espazo de compañeirismo para adestrar con elas cada martes ás 20:00 h. no CEIP Anexa Lugo.
NINGÚN ARO SEN REDE (Rematado)
Ningún aro sen rede é un proxecto da Fundación Breogán en colaboración coa UNED Lugo e ECOBALLUTION. Iniciouse co curso escolar 22/23 e nace cun claro obxectivo, acadar as sinerxias necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles.
PROXECTO GRAZAS A-VÓS (Rematado)
3ª tempada de Grazas A-VÓS, un proxecto dirixido a persoas de máis de 65 anos no que realizamos talleres de envellecemento activo, destinados a mellorar e coidar a súa saúde física e mental.
Os destinatarios son usuarios das Residencias da Terceira Idade Públicas da Xunta de Galicia en Lugo: A Milagrosa e As Gándaras.
Nun mundo en constante cambio sentímonos na obriga de proporcionar apoio aos nosos maiores, porque "Grazas A-VÓS, somos o que somos".
PROXECTO ÍCARO (Rematado)
2ª tempada do proxecto organizado pola Fundación Breogán e co apoio da Vicedeputación de Lugo.
A través do PROXECTO ÍCARO puxemos en marcha un programa de boas prácticas deportivas para mozas e mozos en situación de vulnerabilidade social. O seu obxectivo, entendendo o deporte como unha ferramenta idónea, é reducir a brecha social das rapazas e rapaces que non teñen a súa participación na sociedade garantida en condicións de igualdade, xa sexa por aspectos socioeconómicos, socioculturais, socioxeográficos ou persoais.
PROXECTO PERSOAS (Rematado)
Proxecto social e inclusivo buque insignia da Fundación, que responde á necesidade de ofrecer actividades relacionadas ca práctica deportiva, no noso caso o baloncesto, a persoas menores de idade con discapacidade que actualmente non dispoñen de ningún tipo de oferta neste sentido.
O proxecto é posible grazas ao convenio da Fundación Breogán coa Área de Deportes da Excma. Deputación de Lugo e neste ano terá lugar a 4ª tempada.
EXPERIENCIA BREOGÁN (En curso)
Este 2026 celebramos a quinta edición dun dos proxectos sociais máis especiais da Fundación Breogán. Un total de cinco organizacións, fundacións e colectivos serán os protagonistas desta iniciativa que se desenvolve ao longo do ano en tres momentos destacados.
Cada unha das entidades contará cunha semana dedicada especialmente a elas. Durante ese tempo, os seus membros poderán gozar da EXPERIENCIA PAZO, que inclúe unha visita guiada polas instalacións e un encontro cos xogadores. Posteriormente, unha representación do CB Breogán e da Fundación Breogán desprazarase ao centro de traballo da entidade participante. Para rematar, os colectivos serán convidados a un partido no Pazo, onde disporán do stand do EsPazo Fundación para dar visibilidade ao seu labor.
SUMANDO SINERXIAS (En curso)
A Fundación Breogán é un punto de encontro para quen comparte a nosa paixón polo baloncesto e os seus valores. A través das colaboracións, sumamos esforzos, creamos sinerxías e impulsamos proxectos que promoven a inclusión, o deporte e o compromiso social.
Xuntos chegamos máis lonxe. Descubre aquí as alianzas que fan crecer a nosa fundación e fortalecen o noso impacto.