PROXECTOS 2026
XORNADAS TECNIFICACIÓN (En breve)
A FUNDACIÓN BREOGÁN organiza a V Edición das Xornadas de Tecnificación, unha proposta pensada para rapaces e rapazas de 8 a 16 anos que queiran dar un paso adiante no seu xogo e vivir o baloncesto desde dentro, nun entorno profesional, dinámico e motivador.
Ao longo de tres días de traballo intenso, os e as participantes desfrutan de sesións de adestramento específicas, guiadas por adestradores da Fundación Breogán, e contan ademais coa visita de xogadores e técnicos do C.B. Breogán, que comparten a súa experiencia e coñecementos para axudarlles a mellorar aspectos clave como a técnica individual, a táctica e a toma de decisións en pista.
As xornadas complétanse con charlas formativas e educativas, nas que se reforzan valores esenciais como o compañeirismo, o esforzo, a disciplina e a superación persoal, principios fundamentais tanto no deporte como no día a día.
PEGADAS DA MEMORIA
Pegadas da Memoria é un programa da Fundación Breogán de terapia cognitiva asistida con cans, dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade.
As sesións desenvólvense nas residencias A Milagrosa e As Gándaras, así como en COGAMI, e están impartidas por Virginia Torrecillas (Escuela Tephira).
O proxecto conta co patrocinio de Albia Funeraria Fernández.
CANCHA SOLIDARIA
A Fundación Breogán resultou unha das 5 gañadoras a nivel estatal de Cancha Solidaria Endesa, unha iniciativa que impulsa e apoia proxectos sociais vinculados ao baloncesto.
Entre máis de 200 candidaturas presentadas en toda España, o noso Proxecto Ícaro foi recoñecido polo seu valor social, educativo e comunitario, consolidándose como unha proposta referente no uso do deporte como ferramenta de transformación.
Este logro é un orgullo para Lugo e para toda a familia da Fundación Breogán, e tamén un paso máis no noso compromiso por construír un baloncesto aberto, humano e con impacto real.
CHAN COMÚN (En breve)
O primeiro proxecto Mixed Ability de baloncesto en Galicia. Unha iniciativa pioneira que une nun mesmo equipo a persoas con e sen discapacidade, con distintas capacidades e circunstancias vitais, para xogar, convivir e medrar en igualdade real.
Impulsado pola Fundación Breogán e co patrocino de Pazo de Vilane e da Fundación Dignidade, o proxecto promove deporte convencional sen etiquetas nin exclusión, creando clubs abertos, seguros e acolledores.
Un chan común onde todas as persoas teñen dereito a participar.
MEMORIA CELESTE (En curso)
A historia do Breogán está feita de momentos inesquecibles e de persoas que deixaron unha pegada imborrable.
Xogadores, adestradores e unha afección única que, xuntos, construíron a identidade celeste.
Hoxe, dende a Fundación Breogán, presentamos un novo proxecto que nace para lembrar e compartir esas vivencias.
Un espazo onde o pasado cobra nova vida, onde as nosas lendas seguen a inspirar o presente e a conectar co futuro.
BOAS PRÁCTICAS (En curso)
Boas Prácticas é un proxecto da Fundación Breogán que ofrece sesións formativas dirixidas a alumnado de primaria de centros lucenses.
A través de encontros con profesionais de diferentes sectores, o proxecto achega coñecementos, valores e experiencias que inspiran, fomentan vocacións e contribúen ao desenvolvemento persoal e social das novas xeracións.
BOCCIA ADAPTADA (En curso)
A Fundación Breogán e Dano Cerebral Lugo poñen en marcha un proxecto pioneiro que leva a Boccia Adaptada aos centros educativos de Lugo —Maristas, CEIP de Nadela, Colexio Diocesano A Milagrosa e CEIP Anexa— co obxectivo de achegar o deporte adaptado ao ámbito escolar, fomentar a inclusión, a empatía e a igualdade de oportunidades.
Unha iniciativa que demostra que, con adaptación e colaboración, todos e todas somos capaces.
SEN FILTROS (En curso)
Novo ciclo de charlas da Fundación Breogán e o Proxecto de Bana para falar sen tabús sobre bullying, ciberacoso, saúde mental e suicidio.
A arte e o deporte como ferramentas para expresarse e coidarse.
PAZO ABERTO (En curso)
Pazo Aberto: Descubrindo o corazón do C.B. Breogán.
A Fundación Breogán e o Proyecto de BANA lanzan a segunda tempada desta iniciativa única que convida aos escolares de primaria a vivir o espírito breoganista no Pazo dos Deportes de Lugo.
PROXECTO AROS (En curso)
A Fundación Breogán e a Vicedeputación de Lugo, en colaboración con COGAMI, DOWN LUGO, RAIOLAS, HOSPITAL DE DÍA DE SAÚDE MENTAL (HULA) e DANO CEREBRAL LUGO, presenta dende o pasado ano o proxecto AROS, unha iniciativa social e inclusiva dirixida a persoas adultas con capacidades diferentes.
AROS nace coa vontade de ofrecer unha alternativa específica para a práctica do baloncesto como ferramenta de integración, benestar e desenvolvemento persoal. Este novo proxecto supón a evolución natural de Persoas, programa centrado ata agora en menores, ampliando así o seu alcance para dar resposta ás necesidades do colectivo adulto.
PROXECTO CRIS SEIJO (En curso)
Segundo ano desta iniciativa da Fundación Breogán para impulsar o baloncesto feminino e o empoderamento de mulleres en Lugo.
Brindamos soporte a un equipo de baloncesto feminino, o Seijo Team, que participa colleitando éxitos na Liga Galega de Veteranas da FEGABA.
Ademáis ofrecemos a calquera muller de máis de 35 anos un espazo de compañeirismo para adestrar con elas cada martes ás 20:00 h. no CEIP Anexa Lugo.
NINGÚN ARO SEN REDE (En curso)
Ningún aro sen rede é un proxecto da Fundación Breogán en colaboración coa UNED Lugo e ECOBALLUTION. Iniciouse co curso escolar 22/23 e nace cun claro obxectivo, acadar as sinerxias necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles.
PROXECTO GRAZAS A-VÓS (En curso)
3ª tempada de Grazas A-VÓS, un proxecto dirixido a persoas de máis de 65 anos no que realizamos talleres de envellecemento activo, destinados a mellorar e coidar a súa saúde física e mental.
Os destinatarios son usuarios das Residencias da Terceira Idade Públicas da Xunta de Galicia en Lugo: A Milagrosa e As Gándaras.
Nun mundo en constante cambio sentímonos na obriga de proporcionar apoio aos nosos maiores, porque "Grazas A-VÓS, somos o que somos".
PROXECTO ÍCARO (En curso)
2ª tempada do proxecto organizado pola Fundación Breogán e co apoio da Vicedeputación de Lugo.
A través do PROXECTO ÍCARO puxemos en marcha un programa de boas prácticas deportivas para mozas e mozos en situación de vulnerabilidade social. O seu obxectivo, entendendo o deporte como unha ferramenta idónea, é reducir a brecha social das rapazas e rapaces que non teñen a súa participación na sociedade garantida en condicións de igualdade, xa sexa por aspectos socioeconómicos, socioculturais, socioxeográficos ou persoais.
PROXECTO PERSOAS (En curso)
Proxecto social e inclusivo buque insignia da Fundación, que responde á necesidade de ofrecer actividades relacionadas ca práctica deportiva, no noso caso o baloncesto, a persoas menores de idade con discapacidade que actualmente non dispoñen de ningún tipo de oferta neste sentido.
O proxecto é posible grazas ao convenio da Fundación Breogán coa Área de Deportes da Excma. Deputación de Lugo e neste ano terá lugar a 4ª tempada.
EXPERIENCIA BREOGÁN (En breve)
Este 2026 celebramos a quinta edición dun dos proxectos sociais máis especiais da Fundación Breogán. Un total de cinco organizacións, fundacións e colectivos serán os protagonistas desta iniciativa que se desenvolve ao longo do ano en tres momentos destacados.
Cada unha das entidades contará cunha semana dedicada especialmente a elas. Durante ese tempo, os seus membros poderán gozar da EXPERIENCIA PAZO, que inclúe unha visita guiada polas instalacións e un encontro cos xogadores. Posteriormente, unha representación do CB Breogán e da Fundación Breogán desprazarase ao centro de traballo da entidade participante. Para rematar, os colectivos serán convidados a un partido no Pazo, onde disporán do stand do EsPazo Fundación para dar visibilidade ao seu labor.
SUMANDO SINERXIAS (En curso)
A Fundación Breogán é un punto de encontro para quen comparte a nosa paixón polo baloncesto e os seus valores. A través das colaboracións, sumamos esforzos, creamos sinerxías e impulsamos proxectos que promoven a inclusión, o deporte e o compromiso social.
Xuntos chegamos máis lonxe. Descubre aquí as alianzas que fan crecer a nosa fundación e fortalecen o noso impacto.